En galego estamos no mundo: soñamos, queremos, pensamos, facemos arte, cultura, estudiamos ou discutimos; na nosa lingua nacional e internacional que nos fai ser quen somos traballamos, como fixeron onte preto de 30 veciños do Burgo durante horas para confeccionar a alfombra floral coa imaxe de Carlos Casares.

Principiaron de mañá co perfilado realizado con cunchas de berberecho. "En xeral empezamos polo centro", explica Manuel Lavía, presidente de Asociación Sociocultural do Burgo, que dende fai 19 anos promove estes traballos, "e o primeiro que se fai é a caricatura do homenaxeado, da que é autor Jose Seco".

En adiante usaron carozo moído e tintado, ramaxe de tuia, pampullo, pétalos de rosa ou margaritas para elaborar a alfombra, todos eles materiais que os veciños recolleron días antes en leiras de "de xente coñecida que nos ofrecen flores e verde para facer estes traballo", sinala Manuel Lavía.

Un ano máis, nesta labor colectiva participaron pontevedreses de todas as idades, dende a máis pequena, unha nena de 5, ata os 74 do colaborador máis veterano. En xeral, os participantes convidaron ós mais novos "a implicarse nestes traballos" e aumentar o número de colaboradores da Sociocultural do Burgo.

Numerosos veciños e turistas pasaron pola praza de Curros Enríquez para ver as tarefas de alfombrado, mentras que a uns metros, no Teatro Principal, outros dábanse cita no patio de butacas para presenciar o Concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música de Salcedo.

Trátase dunha cita xa clásica no 17 de Maio e brindou ó publico a posibilidade de disfrutar dun programa integrado na súa maior parte por clásicos da música galega. Noutros puntos da cidade foron os sons dos Alegres os que ambientaron distintas rúas e prazas.

A única nota negativa da mañá: o temor a que a chuvia afease a alfombra floral, chamada a ser horas despois a ambientación do acto central no Día das Letras. "Esperemos que o mal tempo chegue despois ou o traballo deslucirase moito", manifestaba ó mediodía o presidente da Asociación Sociocultural do Burgo dunha ameaza que á fin non se cumpliu.

Así, Manuel Lavía foi o encargado de saudar ós asistentes ó acto de homenaxe, unha intervención á que seguiu o recitado de poemas, a actuación da Coral de Sobradelo e do Coro do Burgo e o discurso do alcalde, Miguel Fernández Lores.

O rexedor lembrou os vínculos do escritor ("unha das figuras imprescindibles da literatura do século XX", sinalou) coa cidade capitalina e o recente nacemento da súa neta en Pontevedra. Insistiu de seguido en que "a mellor homenaxe que podemos facer a un escritor é ler a súa obra. Pois a iso vos convido, para eso sobre todo celebramos o Día das Letras, a nosa sobranceira festa nacional dedicada á lingua e a cultura".

Tamén se detivo en que para todos os nenos galegos que veñan podan seguir empregando a nosa lingua como un vehículo expresivo normalizado "temos que insistir, como cada ano, en que precisamos máis esforzos para potenciar o idioma galego".

Tras da actuación da Banda de Música de Pontevedra, a xornada completouse cunha recepción no local da Sociocultural do Burgo, encontro que puxo fin á Semana Cultural das Letras que organizou a asociación nos últimos días e co que rematou, unha vez maís entre veciños, a xornada adicada á lingua dos galegos.