O festival de xadrez que se celebrará na praza de Santa María a partires das 11 horas e que de novo está organizado pola Escola Xadrez Pontevedra e a Asociación de Veciños de Santa María, e a andaina ao Pazo Gondar que sairá ás 10 horas do centro cultural de Santa María de Xeve inaugurarán esta mañá as actividades coas que Pontevedra festexa o Día das Letras Galegas.

A cita adicada ó xadrez incluirá partidas simultáneas impartidas por mestres internacionais. Tamén contará con novos valores e haberá un taller infantil para os máis pequenos da casa.

O Teatro Principal será escenario ás 12.30 horas do concierto das Letras Galegas da Banda de Salcedo, que adicará a maior parte do programa a clásicos da música galega.

Co gallo do 17 de maio, onte celebrouse na Casa da Luz un obradoiro de xogos e xoguetes con Brazolinda adicado a familias con nenos de 3 a 6 anos. A actividade formou parte do programa Apego, pensado para promover o uso do galego nas primeiras idades.

Pola súa banda, a Casa das Campás tamén foi escenario da sesión de cinema Contando a Carlos Casares e a xornada rematou cun concerto de Caruma, que interpretou poemas musicados no local social do Burgo.

Esta actividade foi organizada pola Asociación Sociocultural do Burgo, que esta mañá xuntará aos seus colaboradores para realizar o alfombrado floral adicado a Casares, autor homenaxeado neste Día das Letras 2017. Servirá de marco para o acto popular de homenaxe previsto para a praza de Curros Enríquez a partires das 19.30 horas.

Este acto popular que incluirá música, distintas intervencións e recitados, porá o ramo á Semana Cutural das Letras Galegas da Sociocultural do Burgo, que desenvolveu nos últimos días actividades como relatorios ou recitais.

Co centro histórico da cidade o outro escenario da xornada será a parroquia de Xeve, onde a Asociación Cultural Sondexeve ten programada a andaina ao Pazo Gondar, que dará paso a un xantar popular.

No centro cultural de Santa María de Xeve comezará ás 16.30 horas unha lectura dramatizada en homenaxe a Carlos Casares na que participará como violinista Marina Hermida.

O coro de Xeve actuará ás 19 horas nun día no que haberá xogos populares toda a xornada.

O 17 de maio terá un epílogo mañá coa carreira Correlingua, que se aplazou a pasada semana e queconvocará nesta edición a un total de 1.354 alumnos de vinte centros de ensino de Infantil, Primaria, Secundaria e ciclos formativos da comarca de Pontevedra.

"En galego, sen cancelas" é o lema deste ano do Correlingua, unha cita que busca propiciar a reflexión sobre a situación da lingua galega e a importancia de activar accións a prol dela.