O Ateneo Corredoira festexa o Día das Letras Galegas con varios actos que terán lugar na Praza de San Roque con entrada libre, a partires das 20.00 horas. Haberá música co folclore da terra da man do grupo "Os Berberechiños", para dar paso seguidamente a unha sesión de contacontos co grupo As Fedellas, que deparará momentos de ocio e complacencia para tódolos asistentes.

Tamén se porá novamente en circulación a revista literaria "Candea" do propio Ateneo, con variedade de artigos propios e alleos.

Pola mañá e organizado polo Concello de Poio, a partires das 11 horas, o Peirao de Raxó acollerá a Carreira Popular pola Lingua, na que haberá unha varias probas para os pequenos de entre 3 e 18 anos e outra para os maiores de idade, debido ó ben que funcionou esta novidade o ano pasado.

Xa pola tarde, a partires das 17:30 horas no Salón de Actos do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, comezará un acto conmemorativo no que se entregarán os premios ós elixidos coma mellores relatos da 25 edición do Concurso Literario Xaime Illa.

Como novidade, o Concello promoverá un servizo lúdico de atención á infancia co obxectivo de favorecer a habitual presencia de familias no evento e evitar que os nenos se cansen na gala.