A carreira pola lingua Correlingua, que se ía celebrar hoxe en Pontevedra, adíase ó vindeiro día 18 ante o anuncio de mal tempo. Isolina Couso, responsable da actividade lúdica e reivindicativa na cidade do Lérez, lembra que "as previsións metereolóxicas advirten de que vai chover", o que levou á organización a cambiar de data.

Arredor de 1500 nenos da comarca de Pontevedra, alumnos de numerosos centros educativos, inscribironse para participar no Correlingua da cidade do Lérez, que polo demais mantén as actividades previstas: carreira, actuación musical, soltas de globos e agasallos etc.

Isolina cousa lembra que Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. "É unha proposta de carácter lúdico e educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro", sinala.

As carreiras teñen como lugar de celebración 12 comarcas galegas e comezaron o pasado día 2.

O Correlingua non é a única actividade vencellada ó galego que se celebra estes días en Pontevedra, xa que coincide coas datas nas que distintas institucións e colectivos sociais e veciñais programan as súas respectivas conmemoracións do Día da Letras Galegas.

Así, o campus principou onte as actividades con "Música para Casares". Membros da comunidade universitaria leron fragmentos da obra do autor ó que se adica este ano o Día das Letras nun acto que tamén incluiu música e que serviu de presentación do grupo de música tradicional do campus, que integran os alumnos do Obradoiro de Interpretación de Industrumentos Populares.

Tamén participou no acto o coro do campus,

Hoxe seguirán as actividades deseñadas pola comunidade universitaria coa "Resaca das Letras". Celebrarase na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se abrirá ás 10.30 horas coa conferencia "A normalización do galego nos medios. Exemplos de anormalidade lingüística social e comunicativa", a cargo do filólogo e docente Matías da Torre.

Finalizado o relatorio celebraranse a actuación do grupo Oh! Ayatollah e un coloquio sobre a miniserie Vento Ferido, realizada por alumnado da facultade e inspirada nun libro da Carlos Casares.

As presentacións da revista Coolt e de O Salto Galiza, xunto coa actuación da cantautora Sofía Espiñeira, completan un programa que se pechará co relatorio "Liberdade, igualdade e normalización lingüística" do ex-maxistrado e portavoz de En Marea, Luís Villares.

Outros dos epicentros da xornada serán o Teatro Principal e a Escola de Idiomas, que serán esta tarde escenario de actividades enmarcadas no programa Maio, mes da lingua.

A XIX Mostra de Teatro Ben Veñas, Maio propón ás 18 horas no céntrico teatro "O meu baúl azul" a cargo do grupo Skene do IES Valle Inclán.

A entrada a este acto que organiza a Coordinadora dos ENDL dos IES de Pontevedra e no que colabora Concellaría de Normalización Lingüstica de Pontevedra é libre.

Na Escola Oficial de Idiomas haberá a partires das 19.30 horas unha lectura de fragmentos en francés e galego de O Principiño, e de obras de Casares.

Tampouco faltará a música a cargo de dous membros da Banda Migallas, nun acto que tamén está aberto a todos os públicos e no que Carlos Yus e Davide González interpretarán algúns temas do álbum "Zaragallada". Parte das cancións deste traballo naceron no espectáculo de humor "O cantante e as mulleres" de Migallas Teatro e moitas letras tratan cuestións de tipo social con retranca e outras son de carácter lírico.

Semana das Letras no Burgo

A Semana Cultural das Letras Galegas 2017 que celebra a Asociación Sociocultural do Burgo, pola súa banda, comezará mañá coa conferencia do profesor da Universidade de Santiago e numerario da Real academia Galega Enrique Monteagudo. Éste adicará a súa intervención á "Vida e a obra de Carlos Casares".

Dará paso o vindeiro día 16 ó concerto do grupo Caruma adicado a poemas musicados de Rosalía de Castro.

As duas actividades celebraranse no local social do Burgo a partires das 20 horas.

Finalmente, os veciños pecharán a súa Semana Cultural das Letras cun acto popular de homenaxe a Carlos Casares previsto para o vindeiro 17, Día das Letras Galegas. Na praza de Curros Enríquez realizarán un alfombrado floral ante o que se celebrarán as distintas actuacións musicais e intervencións das autoridades.