- Resulta interesante Pontevedra?

- É unha cidade acolledora e con múltiples atractivos: dende o casco histórico ata o seu paseo a carón do río. Pero ten tamén interese como centro cultural: con ciclos de música, cine ou teatro... Vai encamiñada a ser un referente. Vir a un concerto ou ó festival de cine e aproveitar para quedar un par de días na cidade é un planazo.

- Hai xente que asegura que o centro histórico de Pontevedra é un dos mellor conservados, vostede que opina?

- Estou dacordo. Máis se me poño a lembrar como era a zona vella cando eu era pequena, nos 80. O cambio foi espectacular. Xa non é só que o casco vello estea ben conservado, é que ten vida. Os pontevedreses teñen, temos, multitude de prazas, espazos para estar ó aire libre e iso danos calidade de vida. Non é un casco vello só para visitar, é un casco vello para vivilo.

- Hai algún recuncho que lle chame a atención?

- Gústanme especialmente zonas que igual aínda están un pouco agochadas, que non son tan coñecidas para os visitantes, como a praza da Pedreira ou a zona de Santa María coas escaleiras que finalizan preto do Parador. Quedo con eses espazos dos que tardei en percatarme do seu encanto, a pesar de telos frecuentado de pequena por estar preto da miña casa. E para min tamén teñen un atractivo singular as casas con arco que custodian unha rúa como a da praza de Méndez Núñez ou o edificio do Museo.

- Aproba as reformas dos últimos anos?

- Apróboas e con nota. Creo que a Pontevedra de hoxe en día pouco ten que ver coa Pontevedra de hai dúas décadas. Lembro perfectamente o casco vello con beirarrúas e coches. E moitas vivendas sen uso, que caían. Era unha zona infravalorada e esquecida. Hoxe a cidade invita a quedarse.

- Recomenda visitar Pontevedra?

- Queda algunha dúbida? Fágoo, ademais, con moita frecuencia. Gústame exercer de anfitrioa. Síntome moi orgullosa da miña cidade.