A concelleira de Cultura e de Normalización Lingüística de Sanxenxo, Sandra Fernández, presentou onte a programación deseñada polo seu departamento para este mes, que Sanxenxo converterá no "Mes das Letras". A programación arrincará este sábado cun concerto na Praza Pascual Veiga, a cargo da Banda de Música de Sanxenxo e coorganizada pola Sociedade Musical de Sanxenxo.

O programa continuará o día 13 de forma ininterrompida ata o 20 de maio. As instalacións do colexio de Portonovo acollerá o Festival das Letras Galegas, organizado coa colaboración da Coral Polifónica Santa María Adina e Vos Gatiños. O domingo 14 estará dedicado ao rural e ao campo, cunha nova edición de Culturagro, coa celebración dunha xornada que combina actividades prácticas e teóricas vinculadas coa eficiencia enerxética responsable e o cultivo sustentable.

O luns día 15 o "Mes das Letras" contempla dúas actividades. A primeira delas será na biblioteca de Vilalonga, cunha sesión para nenos a cargo de Raquel Queizás co contacontos Cocorocó, un espectáculo de narración oral. Ás 21 horas, o salón de plenos do Concello acollerá unha conferencia sobre Carlos Casares a cargo de Antón Riveira Coello. O martes, e dentro do programa "Ler conta moito", a biblioteca situada no Pazo Emilia Pardo Bazán ofrecerá unha sesión de contacontos para bebés con Pavís Pavos. O día 17 maio, xornada central, haberá lectura pública de textos de Carlos Casares na Praza Pascual Veiga.