O Concello de Cerdedo-Cotobade está a acometer o proxecto de rehabilitación integral e posta en valor da histórica Alameda de Augasantas, a única destas características existente no municipio e que conta cunha gran importancia social, xa que acolle anualmente a milleiros de persoas en actos de moi diversa tipoloxía.

A actuación promovida polo goberno local estase a centrar na rehabilitación do recinto e da súa contorna, a limpeza e cintado do seu muro, a posta en valor e acondicionamento de todos os seus elementos e a poda dos árbores. Deste xeito, preténdese mellorar a imaxe deste emblemático xardín, que conta cunha longa historia e tradición xurdida ao abeiro da mítica igrexa de Santa Mariña, iniciada no século XVI e rematada no XVIII.

Este proxecto de rehabilitación era unha prioridade na área de zonas verdes para o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que quixo resaltar a importancia desta mellora e que amosou a súa satisfacción por acordar a realización da súa posta en valor coa asociación de veciños e coa comunidade de montes.

A Alameda de Augasantas, que está a ser mellorada por operarios da brigada municipal de Obras, é un enclave de gran importancia social e veciñal para esta parroquia e a súa contorna, xa que é o escenario das festas patronais, romarías, roteiros cabalares e xuntanzas.