O Salón do Libro vén de ser nominado na Gala do Libro Galego 2017 na categoría de Iniciativa cultural ou de fomento da lectura. Este galardón, outorgado conxuntamente pola Asociación de escritores/as en Lingua Galega (AELG) a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, ten a finalidade de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galiza en once categorías: ensaio, narrativa, literatura infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede e xornalismo cultural.

Durante anos, as tres asociacións outorgaban recoñocementos individualmente pero dende hai dous anos fano conxuntamente. Cada unha delas, mediante votación interna, escolle os seus finalistas para cada categoría. A listaxe final de candidatos é froito da posta en común.

A escolla pública, a través dun xurado externo, terá lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago nunha gala na que estarán presentes diferentes autoridades e axentes do ámbito político, social e cultural de Galicia.