Á volta da emigración en Caracas Ricardo Portela (Viascón, 1920-Pontevedra, 1992) afincouse na rúa Laranxo número 8 da vila do Lérez. A casa sempre estivo aberta a músicos, estudiosos e cantos quixeran interesarse polas fontes orixinais da gaita e onte as súas portas tamén ficaban abertas mentras se falaba dun home irrepetíbel que, con figuras senlleiras como Manuel Villanueva, Avelino Cachafeiro, Perfecto Feijoo ou Xan de Campañó, do que se proclamaba herdeiro, engrosa o olimpo dos gaiteiros galegos.

Na fachada desta vivenda do centro histórico a súa filla, Rosa Portela, e os seus bisnetos descubriron unha placa que, ademáis de lembrar a figura do músico, recolle un dos seus recitados: Deu alento, vida e expresividade ao instrumento máis noso e inmorredoiro ( inmorrente na versión orixinal do gaiteiro).

Foi nos actos cos que o mundo da música lembrou o 25 aniversario do seu pasamento, unha celebración que principiou de mañá cunha ofrenda floral perante o busto erixido na memoria de Ricardo Portela na praza do Concello de Carballedo.

En Pontevedra foron os gaiteiros os que anunciaron ós veciños a homenaxe. Os Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres, Foula e Os Trazantes percorreron as rúas da vila co toque pechado, a forma de expresión musical propia e diferente da comarca do Lérez.

Ós gaiteiros sumaronse o artesán Alvaro Seivane, o que foi creador e director da Escola de Gaitas e do taller de instrumentos da Universidade Popular de Vigo e creador da banda de gaitas Xarabal, Antón Corral, o biógrafo de Ricardo Portela, José Luis Calle, o escultor autor do busto en pedra de Carballedo, Manuel Fontán, e mesmo Xosé Lois Foxo, creador e mantedor das bandas de gaitas marciais, para sorpresa dos moitos músicos tradicionais que onte se deron cita na vila.

Con eles, políticos de Pontevedra e Cerdedo-Cotobade, o presidente do grupo Marmurios de Leucoiña, Eduardo Esteban, o multinistrumentista, mestre, compositor e presidente da Fundación SondeSeu, Anxo Pintos, e distintos representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, deu a benvida ós asistentes a este acto para lembrar "o que foi Ricardo Portela, o que supuxo, supón e suporá por moitos anos" para a nosa cultura, na que "moitas escolas musicais o teñen na súa mejora para transmitir" o seu legado.

José Luis Calle tomou momentos despois a palabra para evocar o triste momento no que, paseando por Pontevedra fai 25 anos, lle comunicaron a morte do Gaiteiro de Viascón: "Non daba crédito" lembrou, "botámonos a chorar". Facía só unhas horas que compartira conversa co músico, que o tivera que deixar polas súas moitas ocupacións. "Non podo seguir", desculpárase, "teño que preparar un concerto, o afinado das gaitas, estou con una gravación... Será posíbel que teña 72 anos?"

Faleceu dun ataque ó corazón. Viña sufrindo unha anxina de peito e os médicos incitarono en van a que deixara a gaita, un empeño que enraizou no músico sendo cativo, cando coñeceu a Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, quen o alentou a seguir traballando para ser un bo músico. Nas rúas de Pontevedra escoitaría tocar a Xoán de Campañó e, sinxelamente, quedou enfeitizado co toque pechado e aquel punteiro de madeira de ébano e marfil.

De Xoán Tilve de Campañó recolleu directamente o "Fandango da vella", un dos temas que Óscar Ibáñez seleccionou para o CD "Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela". Nel reúne 20 temas de tres álbums do Gaiteiro de Viascón e unha selección de pezas inéditas.

Na gravación empregou a gaita de Ricardo Portela (coa que tocou tamén onte en distintos intres da xornada) e respectou o sistemático e estudiado xeito de tocar do inmortal gaiteiro.

A presentación do CD foi o acto final da homenaxe e nela participaron tamén discípulos do Gaiteiro de Viascón e músicos cos que tocou na década dos 80, cando xa se convertira nun mito en vivo.

Toda a xornada foi unha oportunidade para gabarnos da nosa rica e plural tradición musical e lembrar a un home de fondas conviccións galeguistas, o seu profundo discurso de amor ó noso país, á nosa língua e ás nosas tradicións musicais.

Foi asemade, como lembra Óscar Ibáñez, un home íntegro que "reivindicou o toque pechado e as formas propias e diferenciais de tocar, as galegas, por seren nosas, así coma a dignificación da gaita galega e da figura do gaiteiro".

A gala incluiu entrevistas e actucións coas que se lembrou a un artista que segue a ser fonte de inspiración para músicos galegos e grupos como Milladoiro, Luar na Lubre, Berrogüetto, Carlos Núñez. Do mesmo xeito, internacionalizaron o seu repertorio extranxeiros coma Patrick Molard, Robert Mathieson, Cillian Vallely ou Roland Becker, de xeito que, lembra Óscar Ibáñez, "na actualidade o seu tema Aires de Pontevedra é case como un himmo que representa a Galiza no mundo celta".

Os numerosos amantes da música que se deron cita no Teatro Principal recibiron unha obra de edición numerada do pintor e integrante de Gaiteiros das Rías Baixas Álvaro Novegil. Pola súa banda, a familia foi agasallada cun cadro do mesmo autor no que se representa un gaiteiro, obra inspirada no bo e xeneroso Ricardo Portela. Galego tiña que ser.