O "Venres do Ateneo" programado para hoxe ofrece dúas actividades abertas ao público: a presentación ás 20 horas da nova novela da escritora e xornalista María Solar, "Os nenos da varíola", publicada por Galaxia; e a inauguración ás 21 horas da 24ª edición da mostra artística "Voilà la femme", que se poderá visitar ata o 31 de marzo.

Con respecto a Voilà la femme, trátase dunha exposición mostra coordinada por Celeste Garrido e Basilisa Fiestras que, nesta ocasión, reúne a obra de Sabela Andrés, Elisabel de Freitas, Gabriela Lusquiños, Lucía Romaní, Irene Romero, Rebeca Solla e Sheela Tato. En total, sete artistas en clave feminina con obras e estilos moi dispares, orixinais e de gran talento creativo.

A iniciativa Voilà la femme leva celebrándose ininterrumpidamente dende hai 24 anos para reivindicar o papel das mulleres no ámbito da arte e da cultura. Apelando ao seu lema, "Aquí está a muller", a mostra apela á reflexión e á sensibilización do público sobre a igualdade entre mulleres e homes. "Voilà la femme", que xa se consolidou na programación cultural do Ateneo Santa Cecilia como unha cita obrigada e de prestixio, aposta ademais pola visibilización de novas artistas con propostas arriscadas e innovadoras.

Literatura

Ademais da vertente artística, na sesión de hoxe tamén terá protagonismo a literatura, da man de María Solar, que volve ao Ateneo Santa Cecilia para presentar o seu novo libro, "Os nenos da varíola".