O Centro Cultural de Ponte Caldelas encheuse ao completo co acto celebrado polo Concello para celebrar o Día da Lingua Materna. Unha xornada que estivo dedicada á figura de Rosalía de Castro.

Foi un recital poético e musical, con actuacións usuarios de todas as idades da biblioteca municipal, do grupo musical "Laranxada de limón" e dun trío de acordeonistas. Todas as actuacións xirarán ao redor dos textos da emblemática escritora galega, no que tamén participaron concelleiros das tres formacións do goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).

Textos da poetisa e tamén doutros autores dedicados á autora, entre eles un poema de Curros Enríquez e outro de Federico García Lorca centraron o acto.

Obradoiro en Laxoso

A Casa do Pobo de Laxoso acolle hoxe, a partir das 17 horas, a segunda sesión dos obradoiros "Quérete a ti mesma", cos que o Concello quere axudar ás mulleres de todo o municipio a rachar cos teitos de cristal e de cemento que limitan as súas posibilidades de crecemento persoal e profesional.

Os obradoiros, que consisten en sesións de "coaching" cun método moi divertido, botaron a andar en días pasados en Cuñas con gran éxito de participación. Supoñen unha aposta novidosa, na medida en que consisten nun programa de 16 sesións que se van celebrar por todo o rural de Ponte Caldelas.