O concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, recoñece que actualmente o punto de mira está posto nas novas xeracións. "O que se busca é un achegamento á xente máis nova, porque detectamos unha carencia importante con eles respecto á lingua", asegura. Nesta liña fala dos problemas ao respecto do ámbito educativo, "co dano que fixo a Lomce", e da necesidade de "prestixiar" á lingua. "Ás veces nos excedemos sendo catastrofistas e temos moitos motivos para prestixiar a lingua, cunha historia que a avala como unha das máis importantes, ou polo nexo de unión que supón con outras culturas, como as da lusofonía", salienta.

Oubiña móstrase positivo en canto á volta de moitas persoas ao idioma galego. "Se a túa lingua materna era o galego, sempre a vas a ter para volver. Hai unha porcentaxe moi alta que remata por volver a falar galego. É máis fácil volver ao galego se o falaches dende neno", manifesta.

Apego e Youtubeir@s

As últimas iniciativas do Concello a prol do galego son Apego, para achegar a lingua aos bebés, e Youtubeir@s, de fomento do idioma na internet.

"Queremos dar ferramentas e facilidades para que a xente fale o galego", di Alberto Oubiña. "No caso de Youtubeir@s, é un xeito de que circule pola rede", sinala.

O prazo para presentar vídeos a Youtubeir@s remata o 28 de abril. Cada peza debe ter unha duración máxima de 5 minutos, estar producida en galego e estar dispoñible na rede social YouTube, a segunda rede social máis empregada no mundo despois do Facebook.