"O título é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor". A cantautora galega María Xosé Silvar, coñecida como Sés, refírese así ó seu novo traballo musical, "Opoñerse á extinción", que esta noite presentará en Pontevedra.

O concerto terá lugar no Pazo da Cultura a partires das 21 horas e promete ser un novo exercicio do inconformismo e a paixón da artista. A reivindicación tampouco faltará nesta actuación dunha cantareira con persoalidade que sabe, como declarou a FARO, que se pode proxectar cara o planeta "exactamente igual que as persoas que naceron en calquera outra parte do mundo".

Os responsables de actuación suliñan que este novo traballo,o cuarto na carreira de Sés, "continúa na liña dos dous discos anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior".

Amor e denuncia social

Engaden que a Sés compositora compositora vai medrando e madurando, "aínda que sigue a tratar os temas de sempre: o amor en todas as súas versións (inclúe unha canción dedicada á filla dunha das súas cantoras), sen esquecer un tema clave da súa personalidade como artista, a denuncia social".

As entradas para o concerto, ao que seguirán actuacións en Burela, Madrid e Bilbao, están á venda en Ataquilla.com a 15 euros.