O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro día 25 a presentación do Boletín da Real Academia Galega número 376, dedicado a Xosé Filgueira Valverde na súa parte monográfica. O volume recolle a conferencia inaugural e dezaoito comunicacións do Simposio "Filgueira Valverde na cultura galega do século XX", que se desenvolveu entre o 10 e o 27 de novembro de 2015 entre Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña; e as alocucións sobre o autor pronunciadas polos académicos Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz-Fierros Viqueira no acto central do Día das Letras Galegas dedicado ao polígrafo pontevedrés ese mesmo ano, celebración que se desenvolveu no Museo de Pontevedra, institución dirixida polo homenaxeado durante varias décadas.

O mesmo museo pontevedrés será tamén o escenario da presentación do Boletín o vindeiro mércores 25, a partir das 20 horas. O acto contará coas intervencións do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; o director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle; o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor, Fernando Filgueira; a profesora da Universidade de Vigo María M. Álvarez Lires; e o deputado provincial de Cultura Xosé Leal Fariña.

Xunto ás alocucións de Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz Fierros, o volume recolle os relatorios presentados no Simposio Filgueira Valverde por Arcadio López-Casanova, Ana Acuña, Leticia Eirín, Teresa López, Ramón Nicolás, Francisco Fernández Rei, Xermán Manuel Torres de Aboal, Rafael L. Torre, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Fuentes Alende, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María M. Álvarez-Lires, Xosé Carlos Valle Pérez, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Ramón Villares, Xosé Carro Otero, Xavier Groba González, Xosé Manuel González Reboredo e Ignacio Cabano, Daniel Buján e Anxos Sumai.

Organizado pola RAG da man do Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié, e coa colaboración da Consellería de Cultura, a primeira sesión do Simposio "Filgueira Valverde na cultura galega do século XX" desenvolveuse no museo pontevedrés en dúas xornadas. Nelas disertouse sobre "Filgueira en Pontevedra" e "Pontevedra en Filgueira Valverde". "Tratábase de analizar a relación prolongada e intensísima do noso autor coa súa cidade natal, na que transcorreu case toda a súa vida.