Os colexios da provincia incluirán a compostaxe como tema de traballo nas súas actividades didácticas para o alumnado. Así o indicou o vicepresidente provincial César Mosquera na sinatura da addenda para prorrogar durante este ano 2017 o convenio que a Deputación ten co Centro de Extensión Universitaria e Educación Ambiental de Galicia (CEIDA) para fomentar a sensibilización ambiental e a compostaxe no ámbito educativo.

Segundo indicou o vicepresidente, neste ano o Ceida traballará de xeito cos colexios da provincia, sobre todo naqueles concellos adheridos ao Plan Revitaliza, ofertando unidades formativas para que a compostaxe sexa protagonista das programacións educativas dos rapaces e rapazas.

Pola súa banda, o responsable do Centro de Extensión, Carlos Vales, explicou que durante o ano 2016 o Ceida xa estivo en contacto con boa parte dos colexios para poñer a disposición recursos pedagóxicos, didácticos e formativos (obradoiros, charlas e materiais de traballo e explicativos, exposicións e outras actividades), que xa se utilizaron nalgunhas localidades.

Así mesmo, por parte do Ceida durante o 2016 realizouse un traballo de recolección de proxectos e experiencias escolares xa existentes sobre a compostaxe, dos que foron seleccionados catro (agárdase chegar a seis) para expoñelos nun congreso escolar que se celebrará en Pontevedra en datas aínda por determinar. "Ese congreso será o punto de expansión do Plan Revitaliza nos colexios. Será o fito con máis potencia para divulgar a compostaxe entre a comunidade educativa", sinalou Mosquera.

Por outra parte, dende o Ceida tamén se mantiveron contactos coa Consellería de Educación para que a compostaxe e o mundo relacionado coa educación ambiental se inclúan na vindeira oferta de cursos de actualización e formación continua para o profesorado, cuestión fundamental para a correcta transmisión aos alumnos dos conceptos sobre o tratamento do lixo orgánico.

Finalmente, Mosquera destacou que, se ben este ano 2016 xa se obtiveron resultados nalgúns colexios, "os froitos deste traballo de concienciación educativa serán máis evidentes co paso dos meses e os resultados masivos veranse nos vindeiros cursos". "Temos que agradecer ao Ceida que este aí porque nestes tempos non é fácil manter un centro de educación ambiental, e tamén agradecer que se presten a colaborar coa Deputación", salientou.