A feira das industrias culturais celebrou onte unha das súas grandes xornadas. As portas do Recinto Feiral abríronse para dar cabida a ducias de actividades nas que a literatura, a banda deseñada, o teatro, a música, o cine, a artesanía, a ciencia e todo o relacionado coa cultura galega foron os verdadeiros protagonistas. Eles e o público, que cada ano xoga un papel moi importante na celebración, que se prolongará durante o día de hoxe. Todo isto a prezos populares, con entradas a 2 euros por día os adultos e 1 euro os menores de 12 anos, que teñen como única finalidade manter viva a feira.

No Culturgal participan más de 82 entidades expositoras e máis de 120 empresas, artistas e marcas representadas.

Onte se celebraron preto de medio cento de actividades. O espectáculo "Paralaia 20" foi un dos máis aclamados polo público. O concerto, co músico Xosé Manuel Budiño ao fronte, contou tamén con Mercedes Peón como artista invitada. Con el se celebraron os 20 anos do álbum debut de Budiño.

Pero o Culturgal tamén citou onte a un dos grupos más recoñecidos do momento, Eladio y los Seres Queridos, que presentaron o seu disco "Cantares", con pezas do cancioneiro galego, un álbum no que se inclúen temas como "Meu amor é mariñeiro", "Camariñas", "Quen poidera namorala" ou "O meu país".

Así mesmo, o público puido gozar da música de Silvia Penide e Carla López, Feminino Plural; Xoán Curiel, Blues do país e Sonia Lebedynski.

Como non podería ser doutro xeito, a literatura tivo onte un oco importante na programación. Pasaron polo Culturgal autores coma Héctor Cajaraville, María Lado, Eli Ríos, Ismael Ramos, Rosalía F. Rial, Tamara Andrés, Jesús Castro, Claudio Rodríguez Fer, Carlos Meixide, Tiago Alves Costa, Teresa Moure, Carlos Quiroga, Carlos Pazos, Carlos Taibo, María do Cebreiro, Alberto Canal, Manuel Gago, Ramón Nicolás, Blanca Riestra, Miguel Sande e Daniel Asorey, entre outros.

Os nenos tamén tiveron onte unha grande oferta de actividades, aínda que unha das máis celebradas foi a visita dos Bolechas a media tarde. Tamén estiveron Migallas, co seu espectáculo "Canta connosco" o O Mago Paco con "Hocus Pocus".

Derradeira xornada

A última xornada do Culturgal 2016, hoxe todo o día, comezará coa música de Paloma Suanzes, que terá lugar á vez que a entrega para nenos de Merlo Branco "Pesdelán Entroidanzas".

Cara o mediodía celebrarase o espectáculo de pago "María Fumaça. Aire", no que participarán Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina e Carlos Blanco, entre outros. As entradas son a seis euros.

Ás seis da tarde entregarase o Premio do Público Culturgal 2016 no Espazo Foro e ás sete presentarase a película "Sicixia", do director de cine Ignacio Villar, tamén no mesmo lugar.

"Os xoguetes de Clío" suporá unha homenaxe ao escritor falecido Carlos Casares. Será ás 19.30 horas.

Para que non se queira atar a horarios, o Culturgal conta con ducias de stands nos que estar en contacto coa cultura galega e varias exposicións, "Pegadas na Terra" e "ExpoExperimenta". A feira estará aberta hoxe domingo dende as 11 ata as 20 horas.