| Un total de seiscentos estudantes da Estrada e Cuntis de idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos déronse cita no campionato zonal de campo a través, que se disputou nas instalacións da praia fluvial da Estrada. Distribuíronse en distintas categorías. Os benxamíns, masculinos e femininos, percorreron 500 metros; os alevín,s, 750 no caso das rapazas e 1.250 no dos rapaces; os infantís, 1.250 para as nenas e 1.500 para os nenos; e os cadetes, 1.500 para as rapazas e 2.000 para os rapaces. Eran alumnos dos colexios estradenses de Figueiroa, Pérez Viondi, Nosa Señora de Lourdes, CEIP Villar Paramá de Vea, CEIP de Oca, CEIP Cabada Vázquez de Codeseda e IES Número 1, en representación da Estrada. Do veciño municipio de Cuntis, corrían alumnos do CEIP Aurelio Marcelino Rey García. Foi unha xornada para competir pero, sobre todo, para confraternizar e promover o deporte nos máis novos.