A Asociación Queremos Galego Marín celebrou por cuarto ano consecutivo un magosto no que repartíu uns cen quilos de castañas entre as persoas que se achegaron ao multiusos da praza de abastos o pasado sábado. Como en anos anteriores, ademais das castañas asadas de balde (do Souto de Novoneyra no Courel) tamén houbo para os máis pequenos xogos populares -a billarda, a ra, a chave, carreiras de sacos, etc. - cos que colaborou a asociación Gharaboto. Tamén contaron coa música dos grupos "Os de Marín" e "Picuíña" e co poeta e escritor Miguel Ángel Alonso Diz, autor de libros infantiles como "O cullarapo Croque", "A nena á que non deixaban ser feliz", "O soño de Esther" ou "O valente coello que quixo soñar", quen contou contos para os máis pequenos.

Durante o magosto tamén se sortearon varios lotes de libros. Queremos Galego Marín explica que no marco da cultura popular, o magosto ten un lugar fundamental, como as festas anuais en xeral, pois constitúen algunhas das manifestacións máis xenuinas da cultura galega coas que se poden abordar aspectos sociais, económicos, psicolóxicos, musicais, entre outros.