Dende as primeiras semanas de setembro, un mes antes do peche do prazo previsto inicialmente, todos os stands do Culturgal están vendidos. Un ano máis, haberá libros, música, cine, teatro, arte contemporánea, artesanía, novas tecnoloxías? Todo tipo de produtos, proxectos, servizos e iniciativas de entidades e profesionais baixo o lema "Cultura, Comunidade, Futuro".

Nos máis de 4.000 metros do recinto feiral repartiranse 101 stands e tamén serán escenario das 150 actividades previstas nun intensísimo fin de semana no que Culturgal agarda recibir máis de 15.000 visitantes.

De novo será un espazo de encontro e intermediación da industria coas institucións e público, un punto de encontro que tamén busca ser, lembrou o presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, "un espazo confortable, novidoso, unha comunidade diversa e plural capaz de contaxiar entusiasmo e orgullo colectivo".

Tres administracións, Xunta, Deputación e Concello, colaboran coa industria na celebración do Culturgal, un esforzo colectivo para amosar o presente e tamén o futuro da cultura galega, xa que se presentan na feira propostas e espectáculos que chegarán ao mercado no 2017. É o caso do concerto central, que protagonizará na noite do sábado Xosé Manuel Budiño e no que se celebrarán os 20 anos do seu primeiro disco en solitario, "Paralaia". Acompañarán ao gaiteiro os músicos da súa nova banda e Mercedes Peón como convidada especial.

Nunha edición, na que estará moi presente a lembraza ó recentemente falecido Fran Pérez, "Narf" (tanto Manuel Bragado coma Xosé Manuel Budiño fixeron referencia a esta perda para a música galega), tambén se reforzará a programación do venres co concerto inaugural de Sondeseu e convidados. Ao igual que o de Xosé Manuel Budiño, será un novo espectáculo (neste caso con casi 100 músicos no escenario) que estará de xira o vindeiro ano.

Outra das características da feira será a aposta polos distintos públicos, á cabeza o familiar, pero tamén os especializados e profesionais. Así, na xornada inaugural celebraranse encontros adicados á escena galega (un traballo colaborativo con axentes para mellorar a rede galega de teatros e auditorios); ao modelo de televisión pública autonómica; e ao borrador da nova lei de espectáculos e a seguridade nestes eventos públicos. Tambén se celebrará ese mesmo venres unha asamblea de xestores culturais.

No que se pretende que sexa "o mellor Culturgal na historia", en palabras de Manuel Bragado, de novo os nenos estarán entre os principais protagonistas, con ducias de actividades pensadas para eles. Haberá maxia, teatro, danza, monicreques etc, unha bebeteca para menores de 3 anos e un espazo de xogo activo para os cativos máis grandiños.

Outra das propostas para os nenos serán as experiencias con legumes que porán en marcha os profesionais do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), obradoiros titulados "Ciencia á feira".

O director da feira, Xosé Aldea, e o presidente da Asociación Culturgal acompañaron onte ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, á concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, e ao deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, na presentación da feira, que terá ata 4 escenarios funcionando á vez.

No espazo libro haberá conversas de autores con xornalistas os tres días, que se sumarán a actuacións musicais, teatrais, presentación de audiovisuais e mesmo un restaurante ecolóxico sobre rodas.

Tampouco faltarán as artes plásticas, representadas pola exposición "Pegadas na terra" , que abrirá ata o mes de xaneiro e na que dezaoito creadores propoñen un diálogo contemporáneo coa natureza e o territorio.