A Asociación Queremos Galego Marín organiza por cuarto ano consecutivo un magosto no que repartirá uns 100 quilos de castañas entre as persoas que se acheguen á Praza do Reloxo - no caso de chuvia o magosto sería no multiusos da praza de abastos- o sábado 19 de novembro a partir das 17 horas.

Como en anos anteriores, ademais de castañas asadas de balde, tamén haberá para os máis pequenos, e non tanto, xogos populares - a billarda, a ra, a chave, carreiras de sacos... - cos que colabora neste magosto a asociación Gharaboto. Tamén haberá música dos grupos "Os de Marín" e "Picuíña" e co poeta e escritor Miguel Ángel Alonso Diz -autor de libros infantiles como "O cullarapo Croque", "A nena á que non deixaban ser feliz", "O soño de Esther" ou "O valente coello que quixo soñar"- quen fará unha contada para as e os máis pequenos.

Durante o magosto, no que colabora a Concellaría de Cultura, tamén sortearánse varios lotes de libros.

No marco da cultura popular, o magosto ten un lugar fundamental, como as festas anuais en xeral pois constitúen algunhas das manifestacións máis xenuinas da nosa cultura coas que se poden abordar aspectos sociais, económicos, psicolóxicos, musicais...xa que nelas están presentes as crenzas e o sobrenatural, a vida comunitaria, a organización social, os produtos agrarios, as estacións.

Alén de contribuír na vixencia desta tradición, un dos obxectivos da asociación é que as novas xeracións se interesen pola cultura tradicional do noso pobo, moi vinculada coa lingua, que valoren e respecten o patrimonio natural, cultural, lingüístico, artístisco, histórico e social, concienciándose da súa importancia e da necesaria implicación na súa conservación e mellora. Con esta tradición a cidadanía toma conciencia da importancia dunha árbore, como o castiñeiro.