O Ateneo Santa Cecilia e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, coa colaboración do Concello de Marín, organizan o próximo mércores 2 de novembro, a partir das 17.00 horas, o Día da Restauración da Memoria Lingüística co lema "En galego, agora e sempre". Consistirá na instalación dunha placa conmemorativa no Cemiterio Municipal de Marín dedicada á memoria de todos os defuntos. O obxectivo deste acto, no marco das tradicións sociais e culturais que rodean o Día de Defuntos, é recoñecer a importancia da memoria lingüística de Galicia nunhas datas nas que os camposantos son visitados masivamente para lembrar os seres queridos que fican ausentes.

Dada a importancia de restaurar a memoria lingüística de Galicia, programamos esta celebración nos prolegómenos do Día de Defuntos, data nas que os cemiterios son masivamente visitados para honrar a memoria de todos os que alí xacen. Unha tradición con fondas raiceiras culturais e sociais nesta terra.

Por outra banda, o artista Xosé Duarte será o protagonista do Venres do Ateneo que se celebra hoxe, a partir das 21.00 horas. Ofrecerá unha velada musical a base de cancións propias e composicións a partir das letras e dos poemas doutros autores galegos contemporáneos.

Ademais de compositor e intérprete, o traballo deste polifacético autor abrangue outros campos da cultura como a fotografía.

Cun estilo impregnado de eclecticismo -dende o folk, ao pop, pasando pola música étnica e de fusión-, Xosé Duarte ten un estilo intimista que non deixa de lado o lirismo de vangarda. Cun estilo arraigado nas súas orixes atlánticas e a influencia dos países lusófonos, no seu punto de mira tamén están os alicerces da identidade cultural galega e as músicas dos pobos celtas.

No marco do ciclo Pontegal da Deputación de Pontevedra, o próximo Venres do Ateneo terá como invitado ao cómico Pedro Brandariz, que presentará o monólogo humorístico "Profundizando na Galiza profunda" sobre a vida, a cultura, a lingua e a maneira de ser da poboación galega.