A fin de festexar o Día do Patrimonio Audiovisual, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, organiza hoxe un acto público e aberto para poñer en valor tanto a transcendencia como a riqueza dos fondos audiovisuais que custodia. Odeputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, encabezará o encontro, no que se proxectará o documental 'A volta dos nove', seguida dun coloquio a cargo do realizador do mesmo, Antón Caeiro.

Con este acto, a Deputación aposta por achegar á sociedade, promover e difundir a importancia da sección de Fondos Audiovisuais do Arquivo provincial. Unha sección que acolle os rexistros que compoñen o patrimonio audiovisual da provincia, entendendo como tales as imaxes fixas, as imaxes en movemento, as gravacións sonoras, a música notada [partituras] e recursos electrónicos, así como os soportes necesarios para a súa consulta.

O acto celebrarase esta tarde na sede do Arquivo Provinciall a partires das 19 horas. Ademais do propio documental que se proxectará e do tema da Memoria Histórica, tamén se abordarán cuestións como o excelente momento polo que pasa o xénero documental na Galiza e as iniciativas de recuperación de documentos audiovisuais que se están a realizar na provincia.

A sección de Fondos Audiovisuais ,ademais de conservar a documentación audiovisual xerada pola Deputación no transcurso das súas actividades como parte da función de arquivo, localiza, xestiona e difunde o patrimonio audiovisual -provincial e relacionado coa provincia - producido dun xeito profesional ou afeccionado e independentemente do seu soporte físico.

Na actualidade consta de aproximadamente de 60.000 rexistros, dos cales 3.500 corresponden a producións audiovisuais de diferentes xéneros, pero sempre tendo en conta a provincia de Pontevedra e Galiza en canto á súa temática, autoría, e produción. Os rexistros están conformados por curtametraxes, longametraxes, documentais, videocreacións, reportaxes, clips publicitarios, e gravacións institucionais entre outros.

Os formatos que se gardan (desde filmes de 16 ou 35 mm ou películas en 8 e Super-8mm, ata Umatics, VHS, video-CD, Betamax, Betacam ou soportes recentes como DVD, video-CD ou memorias dixitais) son unha boa representación da evolución dos documentos audiovisuais e os seus contidos unha importante fonte de información para coñecer a historia, sociedade e cultura provinciais desde comezos do século XX.

A difusión deste patrimonio audiovisual entre a cidadanía está a representar neste momento a principal liña de traballo da sección. Dun xeito concreto, tamén están proxectadas actividades relacionadas con campos de actuación como o cine doméstico, a produción documental e curtometraxista galega e os medios de ambito municipal.