O escritor de Vila de Cruces, Xosé Neira Vilas, será o protagonista da conferencia que a Casa da Cultura de Ponte Caldelas acolle hoxe, a partir das 20 horas. O acto estará a cargo da tamén escritora e divulgadora pontevedresa Loli Beloso Neira, quen publicou recentemente o libro "Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos".

A cita é especialmente interesante porque Loli Beloso é unha gran coñecedora do universo literario do autor de "Memorias dun neno labrego", unha das obras cumbres da literatura galega, e ofrecerá unha visión integral da súa vida e da súa obra. Non obstante, Loli Beloso é tamén unha profunda admiradora doutras dúas figuras da intelectualidade galega, como o polifacético artista Isaac Díaz Pardo e o pintor Luís Seoane.

Á divulgación destas tres referencias de Galicia dedica boa parte do seu tempo. Cos tres mantivo unha relación de profunda amizade e quedou impactada polos valores de amor aos demais e a Galicia que desprenderon ao longo da súa vida. Uns valores que está empeñada en facer chegar aos nenos e nenas galegos. Para elo non dubida en participar en todo tipo de actos na esfera docente e social.

En canto a Neira Vilas, Loli Beloso coñeceuno despois de experimentar unha sinceira emoción coa lectura de "Memorias dun neno labrego". Compartiron moito tempo xuntos e, de feito, acompañouno a varios actos culturais durante os seus últimos anos de vida. A presentación do seu libro sobre a vida e obra de Xosé Neira e a súa esposa, Anisia Miranda, produciuse en novembro de 2015, xusto unha semana antes do pasamento do xenial escritor.