A Asociación Queremos Galego Marín pon a andar este mes de outubro, por terceiro ano consecutivo, o seu club de lectura de textos teatrais en galego. O obradoiro, impartido polo dramaturgo e director de teatro Zé Paredes, pretende achegar unha visión ampla da dramaturxia occidental mediante a lectura e a revisión cultural e crítica de obras teatrais de distintas épocas e estilos, así como facer fincapé na importancia do teatro como elemento motivador do ánimo do pobo nas súas reivindicacións e inquedanzas.

Outro dos obxectivos da actividade é poñer en valor o uso oral do idioma. Mediante e lectura en voz alta e a corrección fonética refórzase a competencia oral, o que contribúe tamén a unha maior seguridade á hora de expresarse en galego e á eliminación de prexuízos lingüísticos, explican.

Esta terceira edición do club de lectura de textos teatrais alén de manter o grupo para persoas adultas, trae como novidade a formación dun novo grupo dirixido a mozas e mozos entre 13 e 18 anos. As sesións do grupo xuvenil serán todos os sábados 11.00 a 12.30 horas, mentres que o de persoas adultas se realizará os domingos de 18.00 a 19.30. Todas as sesións terán lugar no local da asociación, sito na antiga aula de música de Cantodarea. O prezo mensual por persoa é de 20 euros.

As persoas interesadas en participar nalgún destes dous grupos -adulto ou xuvenil- poderán recibir máis información e formalizar a súa inscrición a través do enderezo electrónico queremosgalegomarin@gmail.com ou no teléfono 639 888 173.