Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Palabra de artista" para dar que pensar

O Ateneo e o Concello organizan esta actividade promovida pola Facultade de Belas Artes

Algunhas das frases da exposición "Palabra de artista". // Faro

O Ateneo Santa Cecilia organiza, en colaboración co Concello de Marín, a exposición do proxecto "Palabra de artista", que conta coa participación de 38 creadores e colectivos unidos para encher o ámbito urbán de frases. A actividade desenvolverase ata o 29 de outubro.

Tras unha primeira edición en 2014 -comisariada por Andrea Domínguez Torres, Rebeca López Villar e Azalea Santiago Rey como unha proposta académica para a Facultade de Belas Artes de Pontevedra- o proxecto voltou ás rúas en setembro e outubro deste ano, ao abeiro do programa Iniciativa Xove da Xunta.

A organización ampliouse coa incorporación de Sheila Broullón Davila, Elizabeth Cereijo Martín e Pablo Loureiro Costa.

Cada artista achegou unha única peza, consistente nunha frase escrita con letras brancas sobre fondo negro nun cartel rectangular rodeado dun marco branco.

"Palabra de artista" desenvólvese simultaneamente noutras seis cidades galegas: Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña. O obxectivo é inundalas de palabras: as que o público precisa ler e oír; as que o artista desexa transmitir.

Con esta acción, o artista reivindica o seu discurso nun contexto no que son outros os actores sociais que impoñen as tendencias culturais, estéticas e de pensamento.

Por outra banda, O Ateneo Santa Cecilia acolle mañá a actuación dos regueifeiros Pinto de Herbón e Suso de Xornes, no programa do vindeiro "Venres do Ateneo". Será a partir das 21.00 horas, no marco do programa "Pontegal" da Deputación de Pontevedra. Pinto de Herbón e Suso de Xornes protagonizarán un audaz desafío dialéctico baseado na espontaneidade e o enxeño.

Compartir el artículo

stats