O Concello de Cotobade acaba de activar o proxecto "Follas ao aire", centrado na promoción da lectura en espazos naturais, para converter ao municipio "na biblioteca máis grande do mundo". Esta iniciativa consiste na distribución de dez libros para adultos e nenos en puntos de interese paisaxístico, ambiental, patrimonial e cultural do municipio para que veciños, visitantes, sendeiristas ou lectores poidan gozar da literatura ao aire libre.

Os libros escollidos correspóndense con autores que están vencellados a Cotobade pola súa orixe ou ben polo contido da obra seleccionada para tomar parte desta iniciativa. Para protexelos das inclemencias meteorolóxicas, as obras gardaranse nunha urna de metacrilato perfectamente sellada, pero que poderá ser aberta polos usuarios. Paralelamente, en todas as zonas de lectura colocouse ou acondicionouse un banco para favorecer a lectura.

Os libros e os espazos escollidos son os seguintes: "Que me queres amor", de Manuel Rivas, na Carballeira da Portela (Viascón); "Os dous de sempre", de Alfonso D.R. Castelao, na Carballeira de San Xusto; "A república dos soños", de Nélida Piñón, naFontiña Bieita (Borela); "Herba moura", de Teresa Moure, na Ponte do río Almofrei; "O lapis do carpinteiro", de Manuel Rivas, en Santa María de Sacos; "Cantigueiro de Cotobade", de Antonio Fraguas; no Camiño Arufe (Loureiro); Manuel María. Antoloxía Poética, de Darío Xohán Cabana, na Capela de San Xorxe (Augasantas); Follas Novas, de Rosalía de Castro, naPiscina fluvial (Carballedo).