O humor de 'Nabiza Girl' retoma a programación do Ateneo de Marín

O colectivo ofrece también esta tarde, desde as 20.00 horas, a exposición colectiva "Palabra de artista"

07.10.2016 | 16:03
Isabel Risco, caracterizada como ´Nabiza girl´. // Fdv

O Ateneo Santa Cecilia de Marín retoma hoxe a súa programación con dúas actividades que se celebrarán esta tarde no Venres do Ateneo: a inauguración, ás 20:00 horas, da exposición colectiva "Palabra de artista"; e a actuación da actriz Isabel Risco, ás 21:00 horas, que interpretará un monólogo humorístico caracterizada como Nabiza Girl.

Nabiza Girl é unha "superheroína rural galega con denominación de orixe protexida" cuxos poderes proveñen do "sulfato". Ataviada con luvas, capa, fouce e zocas, contará as súas aventuras e peripecias por Galicia adiante, atendendo a quen a reclama botando un aturuxo.

Actriz, clown e pedagoga teatral, Isabel Risco ten una ampla formación con artistas escénicos. Leva 16 anos vencellada ao teatro profesional galego a través de compañías como Espello Cóncavo, Os sete magníficos máis un, Manicómicos, Producións Desaqueloutradas e Maquinaria Pesada. Tamén traballou en series de televisión tan coñecidas como Padre Casares e programas da TVG como O Show dos Tonechos e Land Rober, ademais de anuncios, curtametraxes e películas como "9 Ondas".

Esta función forma parte do programa Pontegal da Deputación de Pontevedra. No acceso á sala os socios e socias do Ateneo achegan unha doazón dun euro; dous euros os non socios.

Por outra banda, en colaboración co Concello de Marín, o Ateneo acollerá ata o 29 de outubro a exposición do proxecto "Palabra de artista", que conta coa participación de 38 creadores e colectivos unidos para encher o ámbito urbán de frases.

Tras unha primeira edición en 2014 -comisariada por Andrea Domínguez Torres, Rebeca López Villar e Azalea Santiago Rey como unha proposta académica para a Facultade de Belas Artes de Pontevedra- o proxecto voltou ás rúas en setembro e outubro deste ano, ao abeiro do programa Iniciativa Xove da Xunta. A organización ampliouse coa incorporación de Sheila Broullón Davila, Elizabeth Cereijo Martín e Pablo Loureiro Costa.

Cada artista achegou unha única peza, consistente nunha frase escrita con letras brancas sobre fondo negro nun cartel rectangular rodeado dun marco branco. Neste momento, "Palabra de artista" desenvólvese simultaneamente en seis cidades galegas: Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña. O obxectivo é inundalas de palabras: as que o público precisa ler e oír; as que o artista desexa transmitir.

Con esta acción, o artista reivindica o seu discurso nun contexto no que son outros os actores sociais que impoñen as tendencias culturais, estéticas e de pensamento.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine