Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xose Antonio Touriñán: "Nos perdedores é onde nos vemos reflexados a xente do común"

O popular actor protagonizará en Pontevedra o vindeiro sábado o exitoso espectáculo de humor "Noites de Retranca", onde compartirá escenario con Luis Iglesias

O cómico Xosé Antonio Touriñán. // Gustavo Santos

"Supoño que son un dos poucos monologuistas que faltaban en Noites de Retranca, esta é a miña primeira participación en tantos anos de comedia de éxito en Galicia", explica Xose Antonio Touriñán, que o vindeiro día 8 presentará no Pazo da Cultura o seu monólogo neste espectáculo adicado á comedia no que comparte escenario co tamén actor Luis Iglesia.

-En Noites de Retranca da vida a Manolo Lojo. Como é que quere suicidarse?

-(sorrí) Quere suicidarse ou foi unha das ideas que lle pasou pola cabeza porque a verdade é que é un tío que todo lle foi a peor, aínda que dende unha actitude positiva pero xa non sae da súa historia de perdedor, dun tipo que en vez de irlle facendo que veñan cousas mellores a vida sempre lle deu peores, e, bueno, de ahí intentamos sacar o humor de rirnos das nosas propias miserias e das nosas cousas.

-Os perdedores son máis interesantes que gañadores da vida como Donald Trump?

-Supoño que si, polo menos nos perdedores é onde nos vemos reflexados a xente do común, non sei, ir de gañador é complicado e que che faga gracia un gañador aínda máis complicado, e cando falamos de comedia este é un rexistro no que me sinto moi cómodo, tenme pasado con outros persoaxes que fago e a verdade é que a min me interesa máis traballar por ahí.

-Encarna a una das cantareiras de Ardebullo. Como é Mucha?

-Mucha é unha gañadora, é ó revés completamente, aínda que en apariencia son perdedoras, do que falabamos agora, xente que ó mellor consideramos de nivel máis baixo ca nós Mucha e Nucha son duas tías xeniais, ás que a vida todo lles veu de cara, é completamente ó revés. Non tiveron a posibilidad de estudiar máis, quizais Nucha un pouco máis, pero a Mucha a vida foi a que lle foi dando leccións e esa foi a súa escola, e eu penso que eso é estupendo. Mucha e Nucha son positivismo 100%, intelixencia e saber vivir ben.

-E João Simões (outra das súas persoaxes, neste caso no programa televisivo Land Rober)?

Un gañador, un gañador e aparte él creese que é aínda máis gañador que nadie, é un perdedor por un lado (risas), un pobre tío pero un campeón do mundo, Joao Simoes é un campeón do mundo, outra actitude tamén.

-Vostede comparte con Mucha a sorte de ser de aldea

-Totalmente, e moi orgulloso que estou e penso que si, que é unha ventaxa porque ser de cidade hoxe en día é o normal e o máis fácil porque é a donde nos levan, querennos levar a vivir ahí, nos intentan decir que a vida vai ser máis fácil porque xusto baixando da casa hai un centro comercial, pero penso que é unha sorte ser de aldea e eu sigoo sendo a día de hoxe, marchei traballar e logo volvín, fixen a miña casa na aldea onde nacín e ogallá viva alí moitos anos porque a vida na aldea non ten nada que ver coa da cidade.

-E eso que sendo artista seguro que mil veces lle dixeron o de marchar a Madrid ou ata Hollywood

-Pero hoxe en día cos medios de comunicación que hai, transporte e todo eso se tes un proxecto de 3 meses en Madrid pois vale, vaste 3 meses, pero é traballo, non é para vivir, porque do resto é gastar o que ganas traballando despois en vivir, hoxe en día estás en calquera sitio nunha hora coma quen dí, estás a 30 minutos dun aeroporto e dende ahí a Madrid ou a Hollywood, pero renunciar á vida de aldea non paga a pena.

-Presenta este ano outros dous espectáculos en vivo ademáis de Noites de Retranca, a televisión etc. É vostede moi traballador ou é que os nugallás temos que traballar moito intentado non facer nada?

-Eu penso que un pouco das duas cousas, eu non me considero traballador no sentido de que o corpo non me pide traballar, pero chéganme tantas cousas e gustame tanto o meu oficio que me costa decir que non, por eso nesta época veñen proxectos xuntos e ando bastante agobiado en duas ou tres cousas, pero é por culpa miña que non sei decir que non. E despois o meu traballo hai moi poucas veces que o considero traballar, porque temos moita sorte, somos unha xente privilexiada os que nos adicamos ó espectáculo, traballar traballaba meu pai que se tiña que levantar ás 7 para ir a un andamio todo o día quentara o sol ou chovera, eso é traballo, o noso é un choio.

-Foi por eso polo que deixou a Filoloxía Galega polo escenario?

-Non o sei, mesturouse que cando estaba estudiando xa comezaba a facer as miñas cousas con Mucha e Nucha sobre todo, con Marcos (Pereiro) a actuar por ahí adiante, eu acabei a carreira e todo eso e o que me convenceu definitivamente, porque moitas veces non podes escoller nin nada, foi cando fun facer as prácticas a un instituto, a verdade é que non recordaba como eramos nós cando iamos ó instituto pero ó estar facendo prácticas con rapaces de 14 e 16 anos dixen, buff, prefiro que veña o público pagando a verme que ter que ir eu cobrando a ensinarlle a alguén que ó mellor non ten gana de escoitarme (risas), creo que ese foi o click para tomar un camino ou outro.

-Está experimentando unha revolución o audiovisual galego?

-Si, penso que todo está cambiando e adaptándose ós tempos, porque igual que en todo a crisis pegou moi duro e na nosa profesión máis, aínda que os meus mellores anos foron en tempos de crise do sector, pero aínda así houbo anos moi duros no que arrancaban poucos proxectos, o teatro estaba complicado, e hai como unha reformulación, un volverse a inventar a maneira de traballar, houbo anos moi bos atrás onde se gañaba moi ben a vida supoño traballando en televisión e ata facendo teatro, podías pagar a túa vida e o teu piso facendo teatro, hoxe non, hoxe hai menos diñeiro, baixaron os soldos, baixaron os tempos de facer as cousas, antes unha serie ó mellor grabábase en 6 meses e hoxe en 2 e aínda non, pero o traballo segue sendo o mesmo e séguese esixindo que sexa traballo de calidade, entón ahí estamos readaptándonos ao low cost, como creo que pasou en todas as parcelas da vida.

-E moi estimulante a televisión en directo ou son demasiados os nervios?

-A min é do que mai me gusta, é onde me criei como quen dí, en Luar, e ahora facendo Land Rober, todo ten o seu punto, pero eso que che da, ese nervio que che da o directo non o consigues nunha ficción. É como o teatro, non se pode decir para para que repito, repito que sei que me sale mellor, non, hai que dalo todo nunha toma e no teatro, aínda máis que na tele, xa sabes a resposta inmediata do público, non hai audiencias pero si unha resposta inmediata de se lle gusta ou non e a min gústame máis o directo sempre.

Compartir el artículo

stats