Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando 30 anos chegan a pouco

Champurrada continúa a súa xira cun concerto no San Migheleiro de Marín

Os integrantes de Champurrada. // FdV

Levan 30 anos sobre os escenarios e agardan que sexan moitos máis. "Neste disco quixemos reproducir o son do grupo tal cal é en directo, non queríamos facer un disco que fora irreal ou que non puidésemos levar ós concertos. E tamén con cancións que nos acompañan a través dos anos e que tratan todo tipo de temas cotidianos. Pódese decir que é un disco en parte recopilatorio que é fiel ao grupo", asegura a formación, que hoxe, a partir das 21 horas, tocará no San Migheleiro de Marín.

O novo disco do grupo de Poio, "de Vilariño", titúlase "Mínimo 30", en clara alusión a un desexo de permanecer no panorama musical por bastante tempo máis. "Efectivamente, queremos que sexan polo menos trinta anos máis", din.

Se algo diferencia a Champurrada doutros grupos de rock son as súas letras irreverentes e a súa provocadora actuación sobre o escenario. "A ideoloxía non é unha parte importante de Champurrada, eu creo que calquera persoa con sentido do humor, calquera que sexan as súas opinions, pode entender ao grupo sin sentirse ofendida", explica Roberto Mathieu, guitarrista do grupo.

"Sempre buscamos a liberdade para poder expresarnos cunha linguaxe directa", recoñece. "O rock é un xénero moi amplio e nós non nos plantexamos nada á hora de compoñer unha canción", recoñece.

Neste sentido, a formación sinala que "a música con mensaxe e humor é unha parte moi importante dos movementos sociais, é estes tempos andan revoltos...".

Moda "indie"

A moda dos estilos pop e "indie" non asusta a Champurrada, para quen é importante salientar que "hai una xeración nova que vai a descubrir o rock. De feito, vemos moitas camisetas de grupos dos setenta e ochenta pola rúa en rapaces novos".

As súas letras en galego son outro dos identificadores do grupo. "Cada vez temos mais cancións en galego, é un tema de comodidade para explicar certos temas que precisamente nos pasan en galego".

Neste sentido, confesan que este tipo de música e letras non serían posibles noutra lingua. "Non só é a lingua, tamén a temática e esa retranca e linguaxe diario no que nos movemos. De tódolos xeitos, cando tocamos fóra de Galicia os temas que máis gustan son os que están en galego. Estoume acordando de cando o público cantou en Málaga o ano pasado "mala herva mata bicho bó", foi moi especial", lembra Mathieu.

Champurrada móstrase satisfeito cos numerosos concertos que levan dado dende o verán e, en especial, nos últimos tres anos. "Estamos moi contentos con estes últimos tres anos, xa que temos moito seguimento por parte do público e levamos una carreira claramente ascendente. De tódolos xeitos, invitamos a todos os que queiran, a vernos na Alameda de Marín hoxe as 21 horas, polas festas do San Migheleiro", convidan.

A formación é sincera e recoñece que agarda "vender moitos discos". "Que chegue moi lonxe, porque non nos gusta que polo feito de cantar en galego a xente pensé que somos un grupo de ámbito minoritario. De feito, agora coas redes sociais, vemos que temos mais xente do que pensábamos que nos segue polo mundo adiante", din satisfeitos. "O noso público é todo moi guapo e intelixente e ten moi bo gusto", chancean.

O que si está claro é que pensan continuar creando temas e dando que falar sobre os escenarios. A inspiración non será un problema para esta xa lexendaria banda, que di que non hai unha inspiración concreta para cada unha das súas cancións. "Iso é moi complexo e á vez moi sinxelo, ten que xurdir algo que te chame a facer unha canción, e logo traballalo".

Mentres esa inspiración xurde, o grupo seguirá ofrecendo concertos como o esta mesma noite en Marín. Polo menos por uns 30 anos máis como mínimo.

Compartir el artículo

stats