Logo de encabezar a lista do BNG ó Congreso dos Deputados nás últimas xerais, sen lograr representación, Luis Bará volve a ser a aposta pontevedresa do partido nacionalista nas eleccións ó Parlamento galego do vindeiro domingo.

- As enquisas non son moi favorables para o BNG.

- As últimas experiencias demostran que as enquisas, como predictoras do futuro, fallan. E á marxe de que os resultados que dan son moi dispares, debuxa un panorama moi cambiante, onde hai moita xente que non ten decidido o voto e iso a nós nos reforza, temos que ir a por ese electorado indeciso que nos pode mirar con simpatía e que pensa que hai un BNG renovado e con moito máis potencial. Non está o partido xogado nin o resultado decidido e imos pelexar cada voto.

- Pensa que Ana Pontón está logrando unha remontada?

- Penso que temos unha organización moi activada e iso ten que ver co bo papel que está facendo Ana Pontón na campaña e que demostrou no debate en televisión, que foi un revulsivo. Percibimos que hai moita xente que está voltando a pensar no BNG como unha alternativa. Moita xente que deixou de votar ao BNG ou que foise a outras opcións, últimamente quere volver a apostar polo BNG e nisto o liderazgo de Ana Pontón foi un factor clave. Estamos facendo un discurso de futuro, de confianza nas posibilidades e nas potencialidades do país que está calando na sociedade. Esta campaña é moito máis animosa, optimista e nós imos claramente de menos a máis, nunha clara remontada.

- Gobernarían con Marea?

- Como xa temos demostrado en canta ocasión houbo, non imos permitir un goberno do Partido Popular se non consigue a maioría absoluta. Penso que fumos absolutamente leais e xenerosos favorecendo gobernos alternativos na Coruña, en Santiago, en Ferrol, tamén en Lugo ou unas deputacións. Niso non hai ninguna dúbida. O que pasa é que imos a facelo a partir dun programa e duns acordos de goberno no que queremos poñer tamén os nosos proxetos e as nosas propostas. Pero á marxe diso hai unha fórmula mellor, que é a fórmula Pontevedra, ou Tomiño, Allariz, Carballo, Bueu, que son concellos gobernados polo BNG. Nós aspiramos a que Galicia estea gobernada polo nacionalismo, como está Euskadi e con bos resultados, polo que se ve. Non queremos ser un actor invitado en calquera goberno, queremos ter o noso propio discurso e competimos por liderar un goberno, non por ser un mero apoio dos gobernos de outras forzas políticas.

- Por que esa fórmula tan louvada en Pontevedra non chega a callar no electorado do resto do país?

- Penso que hai moitas pontevedras máis, non é Pontevedra o único exemplo desa política transformadora. Pontevedra é a cidade máis grande e máis visible pero en Carballo estamos facendo unha política realmente transformadora, igualmente en Allariz, en Tomiño e noutras vilas. Hai trinta concellos no país gobernados polo BNG, que son exemplo de políticas alternativas e nós ese mismo modelo querémolo trasladar ao goberno da Xunta.

- Como interpreta os últimos reveses electorais do BNG?

- O BNG pasou unha travesía do deserto porque houbo unha especie de cataclismo no mapa político derivado de todas as consecuencias que tivo a crise económica, tamén a nivel ideolóxico, que recolocou as pezas no espazo da esquerda. Outros escolleron un camiño fácil pero do que non coñecemos o resultado, non sabemos onde van chegar. O BNG mantívose firme e iso tivo uns custes a nivel electoral, pero nós estamos agora nunha vía de recuperación, de reforzamento, e a partir desta cita electoral temos en marcha un proceso de renovación, de refundación, de actualización e de potenciación do nacionalismo e penso que imos sair reforzados deste proceso.

- Despois dos últimos fracasos electorais anunciaron unha renovación, unha reformulación do BNG. Para cando será?

- Sempre fomos moi autocríticos, demasiado en ocasións.Pero desde a última asamblea empezouse cun proceso, que se chama Adiante, que é un proceso de diálogo coa cidadanía para comprender qué é o que ten ocurrido na sociedade galega a nivel político, económico, social, e conectar con todos eses cambios, esas demandas, resituar ao BNG no mapa político galego, visualizado no liderazgo forte e claro de Ana Pontón, que nos vai a axudar a sobrepasar ese período de reveses e empezar un tempo novo tamén no BNG.

- Cantidato ao Parlamento galego despois de selo ao Congreso.

- Eu síntome plenamente satisfeito, realizado e feliz na política local porque me gusta, porque é de moita proximidade, porque permite facer cousas dunha maneira participada e que da moitas satisfacións, pero estamos nun momento no que o BNG decidíu que eu era a persoa que debía representar á organización nestes procesos electorais e como ademais síntome moi arroupado e moi apoiado por toda a nosa xente, pois asumo ese papel.

- É vostede o delfín de Lores?

- Son máis ben a sardiña (risas).

- É o que se podería deducir ante esta clara aposta do BNG por vostede como candidato.

- Eu sempre digo que en Pontevedra temos un gran equipo. É unha das claves do éxito do proceso político de Pontevedra. Temos, como tamén no caso de Galiza, un liderazgo moi visible e moi claro. Pero temos moitas persoas que poderían dar o paso de encabezar o futuro do BNG. Pero iso non está no debate porque temos Lores para rato, para moito tempo. Lores está no mellor momento da súa traxectoria política, nunca o vin tan convencido, tan animado, tan motivado e tan entusiasmado coa sua tarefa de alcalde e polo tanto ninguén pensa en que remate o seu ciclo porque ainda vai continuar bastante tempo. Tamén temos aí unha xeración de xente nova que terá que asumir ese papel en dez ou doce anos. Pero agora ningúen no BNG fala diso, non hai ese debate, e na rúa tampouco.