A Feira de Cuspedriños, que este ano alcanza a décima edición, terá coma unha das súas grandes atraccións as xornadas turísticas, históricas e culturais 'Cuspedriños10'. Estes eventos, que inclúen charlas-coloquio e roteiros de sendeirismo, celebraranse entre o 24 de setembro e o 15 de outubro.

O obxectivo da Feira, segundo o Concello de Cotobade, é "recrear o pasado dun xeito máis lúdico". E para iso contará con "Cuspedriños10", que se desglosa en cinco actividades.

O sábado 24 de setembro ás 19:30 horas en San Xurxo de Sacos, a arquitecta Cristina García explicará, na charla titulada 'A forza da auga', a historia dos Baños de San Xusto como complexo termal de referenza durante o século XX e o proxecto de recuperación desta zona actualmente en marcha.

Logo será o turno para a escritora Nélida Piñón. O venres 30 de setembro a partires das 20:00 horas, no medio dunha xuntanza literaria, presentarase no salón de actos do consistorio a segunda edición do premio que leva o seu nome.

En outubro, o domingo día 2, a Fundación Antonio Fraguas organiza un roteiro de sendeirismo entre A Chan-Carballedo e Loureiro. A actividade, denominada 'O Foxo do Lobo', comezará ás 10 horas.

Posteriomente será o turno par o o historiador Xosé Fortes Bouzán, que fará un repaso amplo e pormenorizado dos dous últimos séculos no municipio na charla-coloquio 'A historia de Cotobade'. Esta conferencia celebrarase o venres 14 de outubro ás 10 horas no salón de actos do consistorio de Cotobade.

Por último, o profesor de Xeografía e Historia, Manuel Reboredo, dirixirá o roteiro de sendeirismo 'A Guerra da Independencia en Cotobade'. A ruta sairá da reitoral de San Xurxo de Sacos e discorrerá por lugares como o Castelo do Eirado, o Camiño Real, o Mosteiro de Tenorio ou o miradoiro da Soldada, entre outros. Esta actividade de clausura será o sábado 15 de outubro dende as 10 horas.

Segundo o alcalde cotobadés, Jorge Cubela, 'Cuspedriño10' permitirá "por en valor e recuperar a historia de Cotobade". O rexidor anunciou que todas as accións son de participación gratuita e que a súa corporación está a traballar na opción de dispoñer transporte de apoio para os roteiros.