O Museo de Pontevedra acolleu onte a Xornada de Onomástica Galega, organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación provincial.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, destacou a importancia de poñer en valor a toponimia e a de impulsar a recollida de microtopónimos. "É dunha riqueza tan extraordinaria que certamente teríamos que facer o esforzo de ofrecer á romanística mundial o elenco de miles e miles de topónimos", salientou. "Se falamos de microtoponimia, hai que pensar que temos rexistrados preto de medio millón, e din os especialistas que son só un terzo dos que se sospeitan que hai en toda a xeografía galega", sinalou.

O programa da xornada contou cun bloque adicado a experiencias de recolleita de microtoponimia en diferentes lugares de Galicia, entre eles as parroquias pontevedresas. Interviron María Abelleira, Xosé Lois Vilar e Anxo Rodríguez.

As experiencias educativas relacionadas coa toponimia foron narradas por Xuliar Marqués e Valentina Formoso, entre outros.

Gonzalo Navaza e Luz Méndez falaron sobre os métodos para detectar topónimos en fontes documentais dixitais galegas, latinas ou castelás, mentres que Vicente Feijoo se centrou o funcionamento da aplicación de recolleita xeorreferenciada. Pecharon a xornada, que se desenvolveu no Museo, Xermán García e Antón Santamarina.