Pontevedra acolle hoxe a Xornada de Onomástica Galega, un encontro no que se exporán experiencias de recollida de microtoponimia e no que se explicará o funcionamento das novas aplicacións utilizadas neste traballo. Organizada pola Real Academia Galega, RAG, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a xornada desenvolverase en horario de mañá e tarde no Sexto Edificio do Museo. A entrada é libre ata completar aforo. Entre os poñentes que tomarán parte figura María Abelleira, que traballou neste campo en varias parroquias pontevedresas.

-Esta xornada trata sobre a microtoponimia. Que é exactamente?

-Normalmente a toponimia enténdese máis como os nomes de lugares, parroquias... pero hai moitos nomes que designan territorios pequeniños que son os que entran dentro da microtoponimia. Son as parcelas de montes, camiños, as fontes... Todos serven como indicadores do lugar.

-Sempre en galego?

-Si, normalmente están referenciados en galego. Os máis antigos son en galego, os que poden ser algo máis recentes, en castelán. A característica común en toda Galicia é que como houbo unha vinculación moi grande co territorio, e se traballou moito na terra, houbo moitos nomes.

-Canto tempo se manteñen no tempo? Falamos de décadas, séculos...?

-Non os podemos datar. O que si se aprecia agora é que, co cambio de vida, xa non hai ese contacto permanente coa terra e se comezan a perder porque non son útiles. Se ben non sabemos cara atrás canto tempo poden ter, si sabemos que cara o futuro presúmese que a súa vida vai ser máis limitada. Esta é a razón pola que é tan importante facer o traballo de recollida.

-Investigou sobre a toponimia recollida nas parroquias pontevedresas de Xeve, Lérez e Alba...

-Si. Foi un traballo impulsado polo Concello de Pontevedra, pola Concellería de Normalización Lingüística. Eu encargueime desas tres parroquias, pero outros compañeiros fixeron o mesmo noutras do municipio.

-De cantos topónimos falamos?

-Duns cinco mil nas parroquias pontevedresas investigadas. Só na de Santa María de Xeve hai uns 600. Demos con parroquias que superaban o milleiro.

- A perda das xeracións que os usaban será unha das máis grandes dificultades...

-Si. O proceso supoñía atopar á xente maior que puidese darnos a información e, nalgún caso, que se puidese desprazar ata os lugares, porque ademais de recoller os nomes, os situamos xeograficamente. A cuestión é que moitos dos informantes non se saben situar nun mapa. Aínda me costa a min...

-Cal era o proceso a seguir na investigación?

-Como paso previo, a concellería organizaba uns encontros iniciais co tecido asociativo nas parroquias, de veciños, culturais, comunidades de montes..., nos que se presentaba o proxecto e se lle daba unha difusión e se presentaba á persoa que ía recoller, para darnos visibilidade e que non fose unha persoa extraña a que fose a preguntar.

-Sobre todo coa famosa desconfianza galega polo medio...

-Si (risos). Ás veces pensaban que lles ían poñer un imposto novo. Se preguntaban por que queríamos saber esas cousas. Polo xeral, contábamos cunhas persoas que nos daban os seus números de teléfono e nos poñían en contacto cos veciños que pensaban que nos podían axudar. Eles facían esa doble función: informar e axudarnos a localizar informantes.

-Moita colaboración, logo.

-Moita. Polo xeral a xente está moi interesada.

-Eles mesmos valoran este patrimonio? Pódese definir como un patrimonio inmaterial?

-Si. Sen dúbida. Forma parte da nosa cultura e o feito de ter toda esta cantidade de topónimos xa fala da nosa forma de ser, do noso xeito de entender a nosa relación co medio. Había xente que se sorprendía co noso traballo, pero despois cando vían o mapa que se imprimía con todos os nomes, e que se exhibía na parroquia, se creaba unha vinculación maior co proxecto.

-Ademais das conversas cos veciños, utilizaron documentación tanxible?

-Tiñamos de partida a cartografía municipal, que xa nos daba unha idea, e tiñamos tamén os mapas da Xunta, nos que tamén podíamos consultar algúns topónimos. Todo iso nos axudaba, sobre todo, a ter un coñecemento previo da parroquia.

-Canto tempo levou facer este traballo?

-Sempre hai que poñerlle un límite, porque se te pos a preguntar non rematarías nunca. Concentramos o groso do traballo nos meses de verán, para aproveitar as boas condicións meteorolóxicas, e fomos intentando cubrir todas as zonas cunhas fotografías aéreas. Na revisión, cando se exhibían os mapas, contrastábamos e aínda che daban outros nomes que non aparecían.

-Con que outras dificultades se atoparon?

-Ademais da perda de informantes da que falaba antes, tamén era moi difícil delimitar algunhas zonas, como as parcelas no monte. Noutras ocasións, aínda que con menos frecuencia, había versións contradictorias entre os nomes que nos proporcionaban; había discrepancias.

-Que peculiaridades ten a microtoponimia pontevedresa?

-Unha das cuestións que tiñamos en conta na recollida era o que chamábamos os "xenéricos locais". Son nomes que designan alunha cuestión concreta. Por exemplo, o termo aldea, que todos identificamos como un conxunto de casas, era considerado nalgunha zona como unha casa coas súas propiedades e terras circundantes. Tamén aos hórreos lles daban nomes particulares.

-Algunha denominación que lle chamara a atención?

-O que máis me chamou a atención é a cantidade de elementos que descoñecemos. Por exemplo ao que lle chaman "o cano do cura" en Lérez é unha construción que vai dende o mosteiro para canalizar a auga. É algo que eu non coñecía e iso que son de alí perto. A cantidade de coñecementos que ten a xente é espectacular. Cando estabas con eles contábanche unha cantidade incrible de historias, de lendas, de modos de traballar o campo: o que facían, os traballos que pasaban...

-Son conscientes desa riqueza que gardan na memoria?

-Si. Eu creo que si. Saben da importancia que tiña todo iso, sobre todo no seu tempo.