Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un paseo polo legado da fala

Unha mostra no Edificio Sarmiento repasa a historia do traballo das Irmandades

Un dos paneis expostos no Edificio Sarmiento. // Gustavo Santos

A exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!" abriu as súas portas onte no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. A mostra, que se pode visitar ata o 2 de outubro, relata a historia das Irmandades da Fala a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

No acto de inauguración estiveron presentes os representantes das catro institucións organizadoras. A Real Academia Galega estivo representada polo seu presidente, Xesús Alonso Montero, o Museo do Pobo Galego polo presidente da Xunta Reitora, Xosé Manuel González Reboredo, a Deputación da Coruña pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, e a Deputación de Pontevedra polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Ademais, estivo presente Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística.

A través de dez espazos, o público pode coñecer a orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma até a intervención política e os seus principais protagonistas.

"Saúde e Terra, irmá(n)s! " dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home".

130 pezas

Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha plumiña de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade e o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.

O estandarte de "Queixumes dos Pinos" da Coral Polifónica Follas Novas (1922), e obras de arte como os óleos "Soidade", de María Corredoira, "Valle Esmeralda" (1912), de Francisco Lloréns e "Nube da tarde", de Imeldo Corral; e a talla "Galicia, Nai e Señora", de Uxío Souto (1926) -peza pertencente aos fondos do Museo de Pontevedra-, tamén forman parte da exposición.

A mostra contou cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo en representación da Real Academia Galega, Justo Beramendi e Carlos García Martínez polo Museo do Pobo Galego e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña.

Compartir el artículo

stats