O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, puxo onte como exemplo das potencialidades de Galiza o traballo feito empresa Hifas da Terra, da que destacou a clara aposta pola inversión en I+D+i, o desenvolvemento do talento e a innovación. "Este é un bo exemplo da Galiza puxante e innovadora que queremos", dixo.

Hifas da Terra é unha empresa biotecnolóxica especializada na produción de produtos relacionados coa micoloxía situada en Pontevedra que leva 16 anos traballando no desenvolvemento das potencialidades dos cogumelos. As setas son estudiadas en múltiples ensaios clínicos polas súas propiedades e, ata o de agora, a está a reinvestir todos os beneficios para ampliar liñas de investigación. A empresa está dividida en catro áreas: a de cultivo, a de viveiro, a de cosmética e a de produtos medicinais, que é a máis desenvolvida e supón o 50% dos ingresos, con exportacións a sete países. A día de hoxe estase a traballar na investigación da micoloxía para algúns tratamentos.