80 anos despois, celebramos o dereito e a paz

Ofrendas e actos cívicos lembran os mártires galegos e reclaman"xustiza, verdade e reparación"

18.08.2016 | 08:30
80 anos despois, celebramos o dereito e a paz. // Gustavo Santos

Os verdugos adoitan falar de perdón e esquecemento, as vítimas so reclaman xustiza. No 17 de agosto os galegos lembran ós seus veciños, amigos, camaradas, maridos, esposas, irmáns, pais que foron vítimas da represión tras o alzamento militar de 1936 e, un ano máis, Pontevedra e Poio foron os epicentros desta xornada na que se encarna en Alexandre Bóveda a todos os que foron asasinados, sufriron o exilio, torturas, o expolio do seu patrimonio pola defensa da liberdade. De novo celebrouse a ofrenda floral na Caeira e no cemiterio de San Amaro e houbo tamén actos cívicos de Marea e o BNG.

"Malditos 80 gramos que rápido remataron co teu corazón, pero non hai chumbo que remate coa túa razón", lembrou a filla póstuma de Alexandre Bóveda, Amalia, perante o monumento erixido por suscripción popular ó seu pai na Caeira, o monte onde foi fusilado fai 80 anos. Momentos despois reclamaba públicamente "xustiza, verdade e reparación" para os miles de mártires que, coma Bóveda, pagaron coa súa vida a defensa da liberdade.

Foi no decurso da homenaxe popular no Día da Galiza Mártir, na que de novo os veciños de Pontevedra e Poio lembraron ó que foi motor do Partido Galeguista e un dos principais artífices do Estatuto. Tamén afondou nesa idea de reparación o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero, que lembrou que a lei de anministía "inxusta" da transición facilitou que os mortos continúen nas cunetas. "Aos vencidos mataronnos 1.000 veces", denunciou antes de reclamar que "os cadáveres teñen que ser recuperados e entregados ás súas familias".

A homenaxe na Caeira foi un ano máis o epicentro das celebracións do Día da Galiza Mártir, que arrancaron horas antes co acto político do Bloque Nacionalista Galego diante do Sexto Edificio do Museo, onde se exhibe actualmente a mostra "Meu Pontevedra" adicada a Castelao e que contou coas intervencións de Ana Pontón, candidata da formación nacionalista á presidencia da Xunta, e Luís Bará,cabeza de lista por Pontevedra. De seguido celebrouse a convocatoria de Marea Pontevedra nas escaleiras o antigo edificio da Facenda, no que traballaba Bóveda, e na que interviron o concelleiro pontevedrés Luis Rei, a edil da Estrada Mar Blanco, a senadora Vanessa Angustia, o membro da coordinadora de En Marea Xosé Manuel Beiras e o candidato desta formación política á presidencia da Xunta, Luis Villares.

Pola súa parte, a ofrenda floral na Caeira contou cunha extensa nómina de políticos, caso de Ana Pontón e os seus predecesores como voceitos nacionais do BNG Xavier Vence e Guillerme Vázquez, o veterano nacionalista Camilo Nogueira, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e tamén representantes do Partido Socialista como a edil e deputada Chelo Besada e do Partido Popular como os concelleiros de Pontevedra e Poio, respectivamente, César Abal e Ángel Moldes.

Por segundo ano consecutivo a Deputación de Pontevedra sumouse oficialmente á celebración e estivo representada neste 2016 polo deputado Xosé Leal.

Xoán Bascuas, de Compromiso por Galicia, o empresario Gerardo Lorenzo (que depositou unha flor perante o monumento en representación do seu tío, o falecido editor Sabino Torres, que acudía todos os anos á homenaxe) ou o médico e fillo de Filgueira Valverde Fernando Filgueira foron outros dos asistentes á ofrenda.

Na mesmo tamén interviu Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, que fixo un chamamento á unidade do nacionalismo nunha xornada na que precisamente se visibilizou a fenda entre BNG e En Marea coa organización de diferentes actos do Día da Galiza Mártir. Incidiu en que "non podemos ter 18 nacionalismos, temos que ter un" e criticou a inoperancia que supon "andar separados" e cada un "coidando da súa leira mínima".

Pola súa banda, Valentín García Bóveda, neto do galeguista, suliñou que neste 80 aniversario "podemos celebrar o dereito e a paz, cando durante anos celebrouse a inxustiza e a violencia" e lembrou a paradoxa de que a democracia non teña institucionalizado o Día da Galiza Mártir e sí outros actos, mesmo os desfiles militares.

O encargado de pechar o acto (que deu paso pola tarde á ofrenda no cemiterio de San Amaro e ó acto cívico do BNG na praza de Curros Enriquez en Pontevedra) foi o alcalde de Poio, Luciano Sobral. Éste lembrou que "o país constrúese desde nós e nós temos a obriga de continuar a mensaxe de Bóveda".

A súa lembranza encarnouse nos numerosos ramos e flores que os galegos pousaron perante o monumento. Todos os que amamos Galiza, lembrou o alcalde de Poio e anfitrión do acto, levamos no corazón a Alexandre Bóveda, esa é a súa victoria e ese é o noso compromiso. Tamén se fixo entrega do premio Galiza Mártir a investigadora Aurora Mora.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine