Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha aventura de hai máis de 80 anos Unha aventura de hai máis de 80 anos

O periplo marítimo "Ul treya: Mar adiante" (I)

O autor lembra o paso polo Morrazo do barco "Joaquín Pérez" e de Álvaro de las Casas, inspirador de Ultreya!

A tripulación do barco. // Arquivo do autor

Un recente episodio por enarborar unha bandeira galega un barco pesqueiro da Coruña, deu pé para que o autor deste artigo viñese rememorar outro acontecemento semellante acontecido hai xa 84 anos en Bueu e comunicado logo en Cangas.

O periplo marítimo "Ultreya: Mar adiante" (I)

Ainda que contamos con precedentes de apercebimentos de sancións a barcos de baixura por enarbolar a bandeira galega nos barcos, os casos máis sonados foron a sanción a un barco catalán hai catro anos e a notificación de falta grave que a Capitanía Marítima de Santander lle comunicou a Manuel Iglesias, patrón do Cabo de Hornos Dos con base na Coruña hai uns meses. Se o barco catalán só enarbolaba a sua bandeira, o galego foi sancionado en base á Ley Penal y Disciplinaria de la Marina Mercante por enarbolar en augas de Santoña duas bandeiras, a galega e a española, esta obrigatoria, ambas de igual tamaño.

Ainda que máis semellante ao caso catalán, o día 12 de xullo de 1932, o pailebote muradán Joaquín Pérez atracaba ás oito da tarde no peirao de Cangas enarbolando a bandeira galega no mastro de mesana. Esta arribada era a penúltima do periplo de quince días que 24 mozos dirixidos por Álvaro de las Casas, fixeron nestas datas visitando diferentes portos das Rías Baixas e as súas contornas. Foi precisamente ao arribaren a este porto cando o Axudante de Mariña local lles comunicou a sanción que o seu homónimo de Bueu, Gonzalo Torrente, lles tiña imposto por este motivo, ainda que xa fixeran unha decena de atraques en distintas vilas mariñeiras ainda que sendo obrigados nalgúns portos a arriar a bandeira galega alegando as autoridades que con ela izada non era máis que un "barco pirata". Porén, noutros portos non terían problema, nen sequera en Marín ao atracaren diante das altas autoridades de Mariña do polígono naval Jaime Janer, entre elas o comandante Leste.

A xeira marítima no Morrazo

Alén destes feitos concomitantes, tamén é a nosa intención dar conta do que foi esta xeira histórica e os seus protagonistas no referente ao seu periplo por terras morracenses que como dixemos se inicia en Marín no seu undécimo día de singradura. Agás o recebimento das autoridades navais, a parte civil non contaría aquí cos actos oficiais e festivos que acostumaban os recebimentos nos portos xa visitados. O propio Álvaro de las Casas refíreo así: "Ceamos e saímos a percorrer as rúas mariñeiras. Aquí, en Marín non hai baile, nin saúdos do alcalde (que nin sabemos quen é), nin agasallos, nin parabéns. Ninguén nos coñece, nin nós tampouco. Mellor, mil veces mellor; andamos máis a gusto."

Bueu

O día 11 cara a unha da tarde arribarían a Bueu acompañados de Filgueira Valverde e outros persoeiros que logo retornarían no autobús a Pontevedra. O recebimento, semellante ao de Marín, ninguén para recibilos no peirao: "Ninguén nos agarda, ninguén sabe da nosa chegada -escribiría De las Casas. Saltamos a terra mentres acaban de preparar a caldeirada. Ao pouco recibimos un caixón de latas de conserva, agasallo de Gaspar Massó. Xantamos ás dúas e media. Cando máis tranquilos estabamos aparece un contramestre que nos chama a atención por levarmos izada a bandeira galega. Semella terrorífico este furor dos respetables señores contramestres. Coma se obedecesen a unha consigna, en canto o "Joaquín Pérez" entra no porto escóndense, axexan polo pechadura do Casino, saen á rúa, avanzan cara Nós silandeira e dramaticamente, abotoan o uniforme, fan que tusen, e encáranse co noso patrón, recítanlle non sei cantos artigos de non sei que leis, e zas, zas, zas! apunte e multa. É, polo que parece, delito gravísimo levar izada a bandeira galega. A xulgar polo aceno, os tusidos, os bigotes e a voz dos respetables señores contramestres, unha de dúas: ou somos un barco pirata, ou un destrutor separatista capaz de bombardear e reducir a cinzas o porto que se nos antolle. Non deixa de ter graza polo que ten de entrenamento e adoutrinamento, porque é o caso, que cada reprimenda dos respetables señores contramestres xorden a bordo media dúcia de nacionalistas máis. Conste que a bordo nin por casualidade falamos de política; son os respetables señores contramestres os que veñen darnos o mitin cun éxito que, por certo, nono imaxinan".

Despois de xantar visitan a fábrica de Massó e asisten a unha conferencia do artista vigués Federico Ribas que estaba traballando para a conserveira. "Ao remate desta ceamos cinco grandes, monumentais, saborosas empanadas de sardiñas que nos custan dez reais cada unha. Un verdadeiro banquete, suculento... "-recolle De las Casas. O día completaríase cun baile que tivo lugar no Casino.

Uns meses antes, nas xeiras de marzo deste mesmo ano de 1932, os ultreyas xa se tiñan achegado a Marín e Bueu a onde chegaran por mar. Aquí visitaron a fábrica de conservas Massó, na que lles chamou a atención, non só a moderna maquinaria senón tamen, segundo anotaron, ver que "todos os letreiros colocados polas paredes están escritos en galego. Que ben si en todas as fábricas de Galiza fixesen o mismo". Ao remate da visita agardaban o obsequio dunhas latas pero desta vez non foi así pois o dono estaba ausente.

Illa de Ons

Na mañá do día 12 parten rumbo a Ons con forte vento de proa polo que teñen que deciden valerse do motor auxiliar e así atoar ao balandro que conducía o correo á illa. Atracan na illa de Ons e aproveitan a estancia para visitaren algúns xacementos arqueolóxicos, recolleren rochas ou faceren pesquisas folclóricas: nomenclatura das dornas, refráns, cantares populares, debuxos de vivendas e trebellos de labranza e de pesca... No seu diario de a bordo, Álvaro De las Casas escrebe: "Saben todos os entendidos en cousas da mar que a Ons non se pode chegar todos días; Ons, que debera titularse a "illa das vergonzas", non mereceu do Estado nin un posto de carabineiros, que é o que o Estado adoita conceder máis doadamente. Os trescentos sesenta habitantes da illa non teñen nin médico, nin farmacia, nin crego, nada, absolutamente nada. Por non ter non teñen un humilde refuxio, nin un pobre atracadeiro, nin unha boia á que poder amarrar un barco en caso de perigo. Nada, absolutamente nada. Para maior ignominia, abonda saber que os dous heróicos torreiros que viven no faro, incomunicados durante todo o inverno, non dispoñen nin dun elementalísimo botiquín. Aquí ao que enferma non lle quedan outros recordos que irse a Bueu ou a Sanxenxo, se o tempo o permite e se non, agardar a morte pacentemente, que para iso os señoritos de Madrid non se privan de nada. Baixamos ao almacén onde o meu gran amigo Didio Riobó ofrécenos non sei cantas toneladas de polbo, saborosamente condimentado. Na miña vida vin, nin comín, máis polbo. Dámonos o gran banquete e ímos dormir beatíficos a sesta á sombra das dornas, no Curro".

Ultreya!

Esta organización xuvenil nacería en febreiro de 1932, inspirada polo catedrático ourensán Álvaro de las Casas cando exercía o profesorado no instituto de Noia e tería como obxectivos básicos que os mozos de entre 12 e 20 anos acadasen un mellor coñecemento da cultura, economía, natureza... de Galicia enriquecéndose persoalmente con cursiños, conferencias, creacións, publicacións... e a mellora física persoal por medio de exercicios e paseos ou excursións culturais. É dicir, que adquerisen conciencia do propio país, que coñecesen Galicia, a súa cultura e a sua lingua e que se espallasen por todas partes os valores característicos da nacionalidade.

Ainda que sempre se declararía apartidaria, existía unha forte ligazón con membros do Seminario de Estudos Galegos e co Partido Galeguista através de membros e colaboradores como Francisco Fernández del Riego, Xurxo Lourenzo Fernández, Filgueira Valverde, Rodríguez Tenreiro, Iglesias Vilarelle, Raimundo Aguiar... Durante as xeiras e o periplo marítimo tamén serían recibidos por autoridades locais e provinciais e numerosos políticos e intelectuais, entre eles Castelao, Arturo Noguerol, Núñez Bua, Antonio Fraguas, Casto Sampedro, Ángel del Castillo... Entre os mozos anotados figuraban Fuco López, os irmáns Martínez López e os Granell, Manuel Beiras, Manuel Encisa, Torres Caplane, Ramón de Valenzuela...

O nome, Ultreya foi tomado do Códice Calixtinus, do "canto de ultreia" cuxa verba se entende co significado de "máis alá!" ou "adiante!". Como símbolo escollerían un triskele vermello que lucían na camisola branca e na bandeira galega. Pola sua semellanza coa esvástica nazi xeraría certa polémica que terían que atallar, aclarando que "é un triskele que non ten cheiro como algún quixo supór, da esvástica hitleriana: é a eispresión do home correndo tal coal aparez nas nosas insculturas da prehistoria... Quer dicer dinamismo, marcha, avance, procura do noso ideal de máis alá. Un triskele que por outra parez recoller os tres temas fundamentais de noso orgulo de cidadáns galegos: fogar, raza e língoa."

Despois da creación dos grupos iniciais de Noia, Pontevedra, Compostela, Vigo, Ourense, Tui, Redondela, A Estrada, Padrón e Lugo, a medra de afiliados a Ultreya foi espectacular e un mes despois da sua constitución sobrepasaba os 800 inscritos procedentes de toda Galicia. Un ano despois xa alcanzaría os 1.400 afiliados, cantidade que continuaría medrando ata que empezan a coller pulo as Mocedades Galeguistas. Moitos destes mozos ultreias colaborarían activamente nos cambios estruturais de Galicia e algúns liderarían a transformación da realidade social circundante sempre co compromiso da defensa da sua terra e da liberdade humana por diante da militancia política ou partidista.

*Investigador e historiador

Compartir el artículo

stats