Carballeira de San Xusto/ carballeiriña con sorte:/ ¡os veciños de San Xurxo/ defendérante ata a morte! En maio de 1997 Manuel María ceibou esta cantiga como remate do seu Te Deum no que celebraba que os veciños recuperaban a titularidade legal da carballeira do San Xusto tras anos de loita xudicial.

Nesta batalla o pobo contaba coa colaboración de xuristas, economistas, artistas ou escritores, entre eles Manuel María, ó que este ano se adica o Día das Letras e que anos antes, no 1991, tamén lera o pregón do magosto na carballeira.

Os veciños lembrarán este apoio e o gran talento de Manuel María nunha homenaxe que se celebrará o vindeiro día 2 na caballeira que axudou a defender. A recepción dos participantes será ás 12.30 oras e dará paso a un recital poético e musical.

Salomé Álvarez presentará este recital no que intervirán Brais Fernández e Luísa Martínez, mentras que a música correrá a cargo de Delio Domínguez, Xan López e a violinista Laura Quintillán.

Pola súa parte, Manuel Vidal Villaverde presentará ás 13.30 horas o libro "Manuel María: entre santos e navallas" publicado por Edicións Laiovento.

Tamén se proxectarán na capela vídeos sobre Manuel María.

Ás 14.30 horas servirase un xantar galego preparado polo cociñeiro Victor Senín. As reservas para participar na degustación (a un prezo de 25 euros os adultos e 12 os nenos) teñen que realizarse antes do vindeiro día 30 nos teléfonos de Pepe Arceu: 662519436/ 986845341; Antonio Ogando: 658851828; ou Afonso Ribas: 669419048.

Rematado o xantar, haberá unha sesión musical coa actuación dos grupos Trubincos do Batán e Ghalos do Curral coa que rematará a homenaxe ó poeta na carballeira que axudou a defender porque, como él lembraba, "é un lugar sagrado".