"O mundo que queremos" será o título da vindeira edición do Salón do Libro, a número dezaoito e que se celebrará entre o 10 de marzo e o 2 de abril.

A organización sinalou onte que o lema, "lonxe de ser unha utopía, pretende aunar aportacións reais, tanxibles e factibles para construir ese mundo mellor. Queremos englobar temas como o coidado do medio ambiente, a saúde, a integración e a igualdade, cuestións como accesibilidade e a mobilidade, o respecto, a inmigración ou a vellez, a solidariedade, a investigación en todos os seus ámbitos etc".

Engade que tendemos a idealizar as accións para conseguir o mundo que queremos "sen plantexarnos que ese cambio empeza en nós, individual e colectivamente, na nosa actitude, no xeito de tratar aos demais e ao noso entorno, de investir esforzos en buscar solucións aos problemas ou á realidade, aportando o mellor de nós mesmos e dos nosos coñecementos, na medida que formamos parte da sociedade na que vivimos".

Todas esas accións que cada un de nós podemos levar a cabo a diario, son as que busca nesta ocasión o encontro adicado ó libro e que aparecerán plasmadas, sinalan as mesmas fontes, no segundo volume da colección exclusiva do Salón no que xa se está a traballar.

Un ano máis, a organización anticipa con moita antelación o tema do Salón para facilitar o traballo dos centros escolares que soen colaborar co Salón, de xeito que podan planificar o traballo na aula para presentar as súas propostas na gran exposición que cada ano se celebra no Pazo, un dos eixes da semana adicada á literatura.

Cada ano o Salón convírtese nun escaparate da edición para nenos e adolescentes. A lectura é a gran protagonista e sucedense as presentacións de libros e contacontos, pero tamén outras actividades, desde contos para bebés a espectáculos musicais ou teatro.

O lema da pasada edición foi "Canta bichería!"e serviu de bo argumento para converter ós animais en grandes protagonistas, de xeito que alí estiveron os domésticos, salvaxes, polares, nocturnos, acuáticos. Formigas, osos, cans e paxaros. De todas as partes do mundo, dos ecosistemas coñecidos e por coñecer, reais e moitos máis inventados, toda unha morea de bichos que encheron o Pazo de imaxinación, fantasía, risos e algún susto pero moi divertido.

Como novidade principal o Salón contou con Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e o Lazarillo 2015, Ledicia Costas. Ela foi a encargada de escribir un libro para o Salón do Libro, "As peripecias de Extravaganzza Pérez", que foi o primeiro da colección propia dun Salón na que a colaboración dos colexios é fundamental para o éxito.