A nova edición do poemario "Os soños na gaiola" en formato libro-disco, con composicións literarias de Manuel María musicadas e interpretadas por Suso Vaamonde, presentarase neste Venres do Ateneo a partir das 20.30 horas.

No acto participará Senén Vaamonde, irmán do recoñecido cantautor galego e promotor desta reedición, que contou co apoio do departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.

Sumarase á presentación un grupo de escolares do CEIP Sequelo de Marín, que van cantar varios temas musicais incluídos nesta obra.

O Ateneo Santa Cecilia de Marín segue impulsando así as homenaxes ao poeta de Outeiro de Rei no ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Trala recente presentación do libro da profesora e investigadora Mercedes Queixas, "Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María", estoutro acto está dirixido ao público familiar e á comunidade educativa. "Os soños na gaiola", considerado un disco pioneiro para o público infantil en galego, consta de 25 cancións.