Por quinto ano consecutivo, o encontro de contadores de historias Sete Falares volve a Pontevedra dende hoxe e ata o domingo. Serán sesións dirixidas ao público adulto, infantil e familiar nos que tomarán parte contadores en lingua galega, portuguesa e tamén en castelán. Todas as entregas de historias, un total de trece, terán entrada de balde salvo a de clausura do domingo pola noite.

"Isto creouse un día porque en Pontevedra temos moitos espazos e porque en Galiza hai un costume moi antigo de contar contos e non queríamos perder esta tradición", lembrou Xacobe Rodríguez, coordinador do evento e membro de Pavís-Pavós, que tamén participa nos Sete Falares.

"A sorte dos galegos é que podemos acceder a millóns de persoas coa nosa lingua", engadiu.

A inauguración terá lugar esta noite ás 21 horas coa intervención da galega Charo Pita, que ofrecerá a súa historia ao público adulto no adro da Peregrina, de aí que aínda que a entrada sexa de balde, estea limitada á capacidade do espazo.

Mañá venres se celebrará o "Tres eran tres", coa brasileira Benita Prieto, o xaponés Yoshi Hioki e o vasco Joxemari Carrere. Será ás 21 horas no Teatro Principal.

O sábado comezan as entregas para o público familiar con Pavís Pavós, ás 11.30 horas no Principal. Ese día ás 18 horas na Casa das Campás falará Benita Prieto, mentres que ás 20 horas farao Yoshi Hioki.

Un dos momentos máis especiais do Sete Falares terá lugar o sábado pola noite a partir das 22 horas, cando sairán grupos de 60 persoas dende o Teatro Principal na ruta de historias por Pontevedra.

O derradeiro día, o domingo, o CITA acollerá encontros cos contadores ás 11.30, 17.30 e 19 horas. Ás 21 horas no Principal será o acto de clausura, con entradas a 3 euros.