A programación do Ateneo sobre o Día das Letras Galegas completarase coa presentación do novo libro da profesora Mercedes Queixas Zas, "Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María", publicado pola editorial Galaxia. Será mañán día 27, ás 20.30 horas, coa presenza da autora.

Por outra parte, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme, o Ateneo inaugura a XXIII Exposición Voilà La Femme, unha mostra coordinada por Celeste Garrido que nesta nova edición reúne a obra de Bibí Martín, Sheii Broullón, Belén Diz Juncal, Kaulip Álvarez e Isabel Alonso. Cinco artistas en clave feminina con obras e estilos moi dispares, orixinais e de gran talento creativo, cuxos traballos se poderán visitar no Ateneo Santa Cecilia ata xuño.