A RAG expresa o seu pesar sobre o falecemento de Sabino Torres

23.05.2016 | 17:08

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento do xornalista, escritor e editor Sabino Torres Ferrer (Pontevedra, 24 de xuño de 1924-Madrid, 23 de maio de 2016). Sabino Torres foi creador, a finais dos anos 40, da primeira colección de poesía galega da posguerra, Benito Soto, e era membro correspondente da RAG desde 1952.

Sabino Torres Ferrer foi, xunto a Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás, un dos mozos promotores da colección de poesía Benito Soto, "un feito histórico na historia editorial de Galicia", salienta o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. A idea empezara a tomar forma en 1948 e o selo con nome de pirata arrincou con Madrigal, de Emilio Álvarez de Negreira, e Como el río, do propio Torres, en 1949. Na colección, bilingüe pero cunha maioría de títulos en galego, tamén verían a luz Poemas de ti e de min, de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez (1949), ou Muiñeiro de brétemas (1950), a obra coa que Manuel María se converteu no primeiro poeta novo en publicar en lingua galega.

Benito Soto acubillou autores novos xunto a outras sinaturas xa coñecidas das letras galegas como Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Esta aventura editorial de Sabino Torres e os seus colegas foi posible en boa medida grazas ao apoio da imprenta do pai do propio Torres e contou con Celso Emilio Ferreiro como director literario a partir do terceiro título. A colección xa tropezara coa realidade da época cando un grupo de influentes persoas da vida local, escandalizadas polo nome escollido, pedira a intervención das autoridades pontevedresas para frear o proxecto. Malia estes atrancos e carecer de autorización, o selo conseguiu publicar máis dunha ducia de libros. Peor sorte correu con Musa alemá (1951), unha escolma de poemas xermanos traducidos e versionados por Celso Emilio Antonio coa colaboración de Antonio Blanco Freijeiro e derradeira achega da colección. O título foi perseguido e retirado das librarías.

Moito tempo despois, xa nos anos 90 e desde Madrid, Torres Ferrer volveu editar poesía creando a colección Hipocampo Amigo, de novo con volumes tanto en galego como en castelán. En 2014, ao facer os 90 anos, publicou Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Galaxia), as súas memorias como editor e poeta.

Como xornalista, Sabino Torres iniciara a súa carreira nos anos 40 do século pasado na súa cidade natal, onde foi director do semanario Ciudad. Máis adiante, nos anos 50, continuaría traballando noutro periódico xurdido en Pontevedra, El Litoral, ata o seu peche a finais desa mesma década. En diante cambiou de rumbo laboral e trasladouse a vivir a Madrid para traballar como comercial dunha empresa de importación de materiais de construción. Nesta mesma cidade faleceu esta mañá aos 91 anos de idade.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine