Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

Apuntamentos sobre o teatro en Marín:1900-1960 (III)

A finais dos anos 20 e 30 do século pasado, diferentes grupos teatrais de Vigo e Pontevedra dinamizan a actividade dramática galega en Marín

Apuntamentos sobre o teatro en Marín:1900-1960 (III)

O 9 de febreiro de 1929, a "Agrupación Artística de Vigo" representa no Salón Quiroga de Marín unha obra en castelán e estrea en galego Un vecho pequeño. Xoguete cómico ultrarrápido, de Urbano Rodríguez Moledo. Esta é a primeira obra en galego deste grupo teatral dende 1926, coa intención de recuperar o protagonismo escénico de anos anteriores. Probablemente escollen Marín para a estrea desta obra porque era a vila natal do autor.

Urbano Rodríguez Moledo, nado en Marín en 1902, formou parte nos anos 20 do cadro de declamación das "Juventudes Obreras" e do coro "Foliadas e Cantigas". A finais dos anos 20 estableceuse en Vigo por motivos laborais e continuou a desenvolver actividades sindicais, políticas e teatrais. Foi precisamente na "Agrupación Artística de Vigo" onde estreou a meirande parte das súas obras a partir de 1929. A primeira foi O orfo do mar, monólogo dramático publicado en 1921, do que non hai constancia de datas e lugares de representación, aínda que probablemente se puxese en escena complementando a autores xa consagrados. Logo destacan o xoguete cómico xa mencionado, Un vecho pequeño, estreado en Marín en febreiro de 1929, e a comedia superrealista Castrapadas, en abril do mesmo ano. Consérvase mecanografada Dosinda. Drama de veiramar en tres autos e en prosa, con data de 1924. En abril de 1930 estreou en Vigo unha zarzuela en tres actos, O primeiro amor, un espectáculo lírico musical que contaba cunha orquestra de 30 músicos en escena e tivo moi boa acollida segundo a prensa da época. Outra peza salientable, representada en 1933, foi O amor da princesiña. Zarzuela rural en tres actos. Tamén neste ano se interpretou por primeira vez en Vigo A volta da perdida, obra manuscrita que se conservou coma proba inculpatoria na causa pola que foi axustizado e fusilado en decembro de 1936.

Como sinala a investigadora Rexina R. Vega, Urbano Rodríguez Moledo é unha figura case descoñecida hoxe en día. Actor, director teatral, dramaturgo, poeta e novelista, con moitas da súas obras inéditas, esquecido e apenas estudado, este autor marinense creou obras rexionalistas para ser representadas polos cadros de declamación da época, pero inseriu unha profunda crítica ao denunciar o caciquismo, a emigración e a situación da muller. A súa curta traxectoria vital, política e literaria viuse truncada pola represión franquista.

O 4 de maio de 1929 celébrase en Marín un Festival da "Agrupación Artística de Pontevedra". No programa constan varias actuacións musicais clásicas e do folclore galego, xunto coa representación dun sainete en castelán de Antonio Ramos Martín, El sexo débil.

As escolas da época tamén realizan veladas teatrais. Na prensa destácase a función final de curso do Colexio San Narciso o 10 de xullo de 1929 na que os alumnos representaron dúas obras en castelán: o drama en verso e dous actos titulado Como la tumba, de Antonio Onleva, e a zarzuela Crimen misterioso.

Nos últimos días do ano 1929 a sociedade recreativa "Xestas e Flores" con sede na cidade de Vigo, representa A pátrea do labrego, de Antón Vilar Ponte, poema dramático en un acto que aborda o tema da emigración e do caciquismo que escraviza aos campesiños galegos, e o monólogo anónimo A fonte do demo. Esta agrupación dedicouse fundamentalmente ás excursións e paseos polo campo, mais entre setembro de 1928 e 1930 interpretou numerosas obras en galego en vilas da provincia de Pontevedra: Arcade, Cangas, Vilagarcía, Ponteareas, Goián e Marín. A acollida das obras era extraordinaria, con entradas esgotadas que compensaban aos empresarios a contratación dun grupo de teatro en galego. Na recensión do Faro de Vigo do 28 de decembro de 1928 sinalábase que na última actuación máis de 300 persoas quedaran fóra sen poder presenciar a representación.

En outubro de 1932 púxose en escena no Salón Quiroga a obra de maior proxección de Urbano Rodríguez Moledo: a zarzuela O primeiro amor, coa finalidade de recadar fondos de apoio ás vítimas do naufraxio do "Azaña" de Cangas, no que morreran 22 mariñeiros. Nesta ocasión músicos da Banda Municipal de Marín actuaron xunto coa orquestra polo carácter benéfico da función.

Segundo Laura Tato Fontaíña na súa tese doutoral sobre "O teatro Galego e os coros populares" (1915-1931), a comezos dos anos 30 as agrupacións artísticas e sociedades integradas por coros populares evolucionan e abandonan paulatinamente as representación teatrais. A partir desta data e durante as seguintes tres décadas apenas hai referencias nos xornais ao teatro en Marín.

Unha breve noticia publicada no Diario de Pontevedra o 16 de outubro do 1936 menciona un Festival artístico a beneficio da Falange, coa representacións de dous sainetes e unha parte musical no Salón Quiroga.

En novembro de 1952 créase a "Asociación Cultural y Arte Santa Cecilia". Comeza cun Ciclo de Conferencias de divulgación cultural inauguradas por Otero Pedrayo e a frecuencia vai configurando as actividades permanentes (a Biblioteca pública, as clases de Solfexo e Harmonía, de Debuxo lineal e artístico, de Modelado e Pintura e os Ciclos de Conferencias) e as actividades accidentais: concertos, recitais, exposicións e representacións dramáticas. Na Semana Santa do 1956, a A. C. A. Santa Cecilia organiza a primeira representación teatral que consta na súa hemeroteca: unha obra dramática de tipo sacro titulada Dios bajo los hombres, de Luis Iglesias de Souza, interpretada pola agrupación artística "La Farándula" de A Coruña. A obra estaba dividida en dúas partes e catro cadros: "La higuera", "Los jueces", "Una mujer llamada Veroine" e "Después de la cruz". Cunha función pública e outra exclusiva para socios e familiares, a prensa destacou a linguaxe poética, a dificultade na escenografía dalgúns cadros e a espectacularidade da luminotecnia.

Agás neste caso e pese a contar con dúas salas, en Marín o teatro segue a ser esporádico e apenas se lle presta atención nos medios de comunicación. En xullo de 1960 no marco dun festival benéfico organizado polo "Secretariado de la Caridad" no Teatro-Cine Avenida represéntase un sainete cómico do que non se facilitan máis datos.

O Salón-Teatro Quiroga

Dende 1917 e ata a inauguración do Teatro-Cine Avenida en 1947, o Cine Quiroga foi o epicentro das representacións teatrais, concertos, mitins políticos de diferentes ideoloxías e conferencias de grande relevancia. Situado no centro de Marín, na Rúa Real, o edificio era un almacén de carbón e salgaduras ata que foi habilitado como cine por Amalia Méndez Fernández. Esta muller emprendedora, nada en Marín en 1871, logo de casar e trasladarse a Vigo, regresou a Marín en 1904 por motivos familiares. Tras morrer o seu marido, con moitos fillos ao seu cargo, pasou certas penurias económicas e comezou co negocio do cinema coa posta en funcionamento do Teatro Quiroga, que recibiu o seu nome en homenaxe ao violinista pontevedrés Manuel Quiroga Losada, ao que a familia axudara economicamente nos seus anos no conservatorio.

A súa historia recolleuse na mostra "Pioneiras" do Servizo Galego de Igualdade no ano 2008. O Salón-Teatro Quiroga foi o primeiro cine sonoro de Marín, dirixido por unha das primeiras mulleres empresarias de Galicia, Amalia Méndez Fernández, coñecida coma a viúva de Martínez, que sempre traballou a prol da cultura apoiando e da igualdade de oportunidades. En 1940 a filla menor tomou o relevo e ata o seu peche nos anos 80, o cine continuou dirixido por mulleres da súa familia.

Compartir el artículo

stats