"Para facer o alfombrado colaboramos uns trinta veciños", sinala José María Seco, que con Carlos Roel deseñou o chan de pétalos coa imaxe de Manuel María que serviu de marco ó acto central do Día das Letras. Días antes os integrantes da Asociación Sociocultural do Burgo principaron a recollida de rosas, berberechos, palmpullo, sementes, margaridas e carozo moído, que logo tintaron.

Con eles fixeron durante máis de 5 horas unha alfombra coa imaxe do poeta asentada no mapa de Galiza, ademais dos motivos vexetais co que se completou o deseño.

Un ano máis (e van dezasete) os vecinos do Burgo deron exemplo de esforzo e traballo colectivo para festexar o Día das Letras, unha xornada na que non faltaron actividades para todos os gustos e na que unha e outra vez os galegos repetimos as palabras de Manuel María: O idioma é o amor/ o latexo, a verdade/ a fonte da que agroma/ a máis forte irmandade./ Renunciar ao idioma/ é ser mudo e morrer./ ¡Precisamos a lingua/ se queremos vencer!

A xornada principiou cunha camiñada ata a fervenza da Freixa, en Xeve, un encontro organizado pola asociación SondeXeve no que tampouco faltaron os poemas de Manuel María.

Pola súa banda, a praza de Santa María foi escenario dende a mañá da xornada adicada ó xadrez e á cultura que organizaron a Asociación de Veciños Santa María e a Escola Xadrez de Pontevedra.

Mestres internacionais de xadrez e o campión galego absoluto, Alberto Portela Peleteiro, participaron no encontro, no que no faltou un taller infantil para que os pequenos se iniciasen dun xeito lúdico (neste caso cun xadrez de grandes fichas que eles podían mover) no deporte.

A xornada incluiu unha exposición de cartaces sobre Manuel María nos que se relata a súa historia vital, obras pensadas para os máis pequenos e tambén para alumnos da ESO con debuxos realizados por estudantes de distintos centros galegos.

Outra das iniciativas que animou a xornada foi o reparto de libros. Pilar Señoráns, da Asociación de Veciños de Santa María, explica que "o servizo de Normalización do Concello cedeu as obras, as máis demandadas foron as dos Bolechas e os nenos que xogaron as partidas simultáneas logo tiveron oportunidade de solicitar unha destas publicacións".

Un ano máis, a festa na praza de Santa María, na que todos os participantes foron agasallados, foi un espazo para o encontro familiar, que neste 2016 contou coa axuda do bo tempo.

Xa pola tarde, as actividades volveron a Xeve. Na igrexa de Santa María celebrouse o segundo dos actos organizados por SondeXeve e que consistiu nun recital coa poeta Eva Méndez do Roxo e a actuación da Coral Airiños de Campañó.

Os versos de Manuel María foron os protagonistas do recital, que deu paso ó acto popular de homenaxe ó poeta da Terra Chá.

A Asociación Sociocultural do Burgo organizou de novo a homenaxe, coa que puxo fin á sua Semana Cultural das Letras Galegas 2016, un ciclo que incluiu unha conferencia sobre Manuel María, lectura, recitados e teatro lido.

Como en anos anteriores, a homenaxe celebrouse na praza de Curros Enríquez, "tomada" dende primeira hora polos veciños do Burgo. Ademáis de traballar, tanto eles como os numerosos pontevedreses e turistas que pasaron nesas horas por este espazo do centro histórico tiveron oportunidade de disfrutar das actuacións dos grupos de gaitas.

Xa na homenaxe, o presidente da Asociación Sociocultural do Burgo deu a benvida ós asistentes e comezou de seguido o recital no que se leron 7 poemas. Non faltaron as actuacións musicais, nesta edición a cargo da Coral Polifónica de Sobradelo, do coro do colectivo organizador e da Banda de Música de Pontevedra, pero se algún protagonista houbo na xornada foron os versos de Manuel María. Na avenida de Santa María, en Xeve ou no centro histórico nenos e maiores disfrutaron da lingua viva do noso pobo: O idioma é a chave/ coa que abrimos o mundo:/ o salouco máis feble,/ o pesar máis profundo./ O idioma é a vida,/ o coitelo da dor,/ o murmurio do vento,/ a palabra de amor./ O idioma é o tempo,/ é a voz dos avós/ e ese breve ronsel/ que deixaremos nós...

O alcalde, Miguel Fernández Lores, foi un dos asistentes á homenaxe popular, que deu paso a outros actos: a proxección de "Patrimonio habitado", un acto que celebrou o Cineclub no Teatro Principal e o Concerto das Letras que ofreceu a Banda de Salcedo no Pazo.

O Maio, mes da lingua continuará hoxe coa entrega de premios do VI Certame de Microrrelato da Escola de Idiomas. Mañá realizarase un programa de radio en directo no IES Luis Seoane e o debuxante Miguelanxo Prazo asinará exemplares na praza da Verdura ás 17 horas.

Servirán de continuidade á xornada de onte, na que perto de dez colectivos colaboraron para festexar que somos galegos, habitamos na nosa lingua milenaria e temos poetas que, como Manuel María, nos lembran que o idioma somos nós.