A Alameda Rosalía de Castro acolleu onte a entrega de premios do XIV concurso de narración curta de escolares e de adultos, coa lectura dos traballadores gañadores, nun acto enmarcado no Día das Letras Galegas no que ao finalizar actuou o cuarteto de gaitas Picuiña. Pola tarde, a compañía Tarabelos representou "Sabela e o paxaro máxico" e posteriormente, na granxa de Briz celebrouse o Festival de Corais das Letras Galegas, que nesta segunda edición tivo como protagonistas ás corais Thalassa, San Xulián e Coral do Centro Sociocomunitario, que ao rematar interpretaron o himno galego.

Pola súa banda, o Ateneo Santa Cecilia de Marín entregou no Día das Letras Galegas os premios do II Concurso de Relato Curto Marín Conta, ao que se presentaron máis dun cento de obras nas categorías de Educación Primaria, ESO e Bacharelato ou FP.

No apartado de Educación Primaria, o primeiro premio foi para "Chuvia de celofán", de Sofía Gutiérrez Pereira (CEIP Ardán), seguida de Laura Santiago Malvar (Colexio Sagrado Corazón de Praceres) no segundo posto polo texto titulado "Meirón, o dragón da vida: a sorte de ser diferente". A terceira clasificada foi Paula Santiago González (CEIP Sequelo) por "Era unha vez un río".

O xurado, formado por Pilar Calviño, Claudina Fernández e Fernando Goldar, destacou a ampla participación nesta sección, con relatos caracterizados pola "orixinalidade e variedade de temática". Tamén foron finalistas Beatriz Boo Lázaro, Nerea Dopazo Dalmán e Navia Castro Landín, do Colexio Sagrado Corazón de Praceres, e Pablo Senra Pego, do Colexio San Narciso.

Na categoría de ESO entregouse un único premio a Carlos Grandal Outeiral (Colexio A Inmaculada) polo relato titulado "Porque todos precisamos cartos". Igualmente, houbo un único premio no apartado Bacharelato ou FP, entregado a Miguel Couso Martínez (IES Illa de Tambo) pola obra "Vila Paula". En ámbalas seccións, o segundo e o terceiro premios resultaron desertos por decisión do xurado.

Os estudantes premiados recibiron cadanseu lote de libros cedidos por Edicións Xerais. Tamén recibiron recoñecementos os colexios cuxo alumnado participou no certame: IES Illa de Tambo, Colexio A Inmaculada, CEIP de Ardán, CEIP O Sequelo, Colexio San Narciso e Colexio Sagrado Corazón de Praceres.

Concerto

O Ateneo Santa Cecilia completa a celebración do Día das Letras Galegas cun concerto do cantautor compostelán Xosé Constenla, organizado en colaboración con Queremos Galego Marín. O músico presentou o seu novo traballo discográfico, "Virada por avante".

Nos vindeiros días e coincidindo co centenario das Irmandades da Fala, o Clube de Opinión Portocelo celebrará, o xoves 2 de xuño no Museo un acto conmemorativo do a 140 aniversario de Ramón Cabanillas, "o poeta da raza" e un dos precursores do secular movemento galeguista. Consistirá nunha disertación sobre "Ramón Cabanillas, o poeta das Irmandades da Fala", a cargo do Francisco Fernández Rei. A esta conferencia seguirá un recital poético con poemas de Cabanillas e música de Samu Acuña e Pousos da Area.