Unha lectura pública de poemas Manuel María, poeta ao que este ano está adicado o Día das Letras Galegas, será o acto central da programación deseñada pola Concellería de Cultura para celebrar esta xornada adicada á cultura.

A concelleira de Cultura, Sandra Fernández Agraso, fixo a elección dos textos que se lerán na Praza Pascual Veiga a partir das 12 de mañán e será a primeira en dar voz a un dos textos de Manuel María. Gonzalo Pita, alcalde de Sanxenxo, tomará o relevo nesta lectura pública, seguido de varios membros do goberno local. Silvia Freire e Roberto Carlos Agís tamén participarán nesta lectura xunto a representantes dos colectivos sociais e culturais do municipio.

Sandra Fernández Agraso fai un chamamento aos veciños e visitantes non só a que acudan a este acto senón tamén a participar de xeito activo nesta lectura colectiva, para o que non é necesaria unha inscripción previa senón que o poderán facer no mesmo intre.

Concerto

O grupo musical Onte e Hoxe, formado por tres músicos da comarca (Itziar Solla, Víctor Bóveda e Roberto Fernández Lores), porán música e son aos poemas de Manuel María e tralo seu concerto terá lugar a entrega dos premios do Certame Literario Picariños, organizado polo Centro Cultural e Deportivo Sanxenxo e que nesta edición contou con máis de 60 participantes. Trátase dun certame escolar en honor da memoria do mestre Hermida que se desenvolveu nas modalidades de narrativa e poesía e con dous premios individuais por cada una das modalidades convocadas.

O acto na Praza Pascual Veiga rematará coa interpretación por parte da Banda de Música de Sanxenxo do himno galego.

A asociación cultural Andarela deseñou unha actividade a desenvolver na xornada de mañán que baixo o nome de "Espertar en galego" tratará de sorprender aos veciños coa colocación de carteis en tódalas parroquias con verbas enxebres e frases dos poemas de Manuel María.

A asociación de veciños de San Juan Dorrón programa para este día a III Marcha Cicloturística a Dorrón, que percorrerá diferentes lugares da parroquia, sobre todo pola carretera interior e por pistas rurais. A Marcha partirá do colexio de Magaláns.

Xa pola tarde, a Praza de Vilalonga acollerá un Serán, a partir das 17 horas, a cargo da asociación Os Cruceiros, no que actuarán tódolos grupos deste colectivo.

Tarde de xogos

En Sanxenxo, na Praza Pascual Veiga, ás 17.30 horas, a asociación cultural Abiñadoira encargarase de coordinar unha tarde xogos que baixo o título de "A búsqueda das palabras perdidas" ofrecerá actividades en grupo para rapaces, con diferentes probas que deberán superar para fomentar o uso do galego nos nenos.

Ás 18 horas será Noalla quen celebre o seu Festival das Legras Galegas da man do coro parroquial, que interpretará diferentes pezas na casa forestal de As Canteiras. Portonovo, pola súa parte, porá fin ás celebracións do día 17 de maio cun Festival das Letras Galegas a cargo da coral polifónica Santa María Adina de Portonovo e Os Gatiños, que se desenvolverá no CEIP de Portonovo.

Conferencia

Os actos comezan esta tarde, cunha conferencia de Adela Leiro, mestra xubilada e escritora, sobre a obra de Manuel María, trala que se inaugurará tamén na Sala Nauta un exposición sobre este autor. Será ás 21 horas.

Por outra parte, os cativos das escolas infantis municipais celebraron esta mañán o Día das Letras Galegas coa elaboración de marcapáxinas, nos que plasmaron as pegadas das súas mans así como diferentes letras.