A Deputación de Pontevedra está a poñer en marcha, por vez primeira, unha convocatoria de catro cursos de inglés para o turismo, integramente subvencionados pola institución, para mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e 35 anos que estean empadroadas e empadroados nalgún concello da provincia de Pontevedra. A través destes cursos, a institución provincial pretende impulsar que a xuventude adquira competencias comunicativas en inglés a nivel intermedio que lles permita desenvolverse no contexto específico do sector turístico e da hostalería.

En total, a Deputación de Pontevedra promove, a través do servizo de cohesión social e xuventude, catro cursos de inglés de 40 horas presenciais cada un e cun máximo de 20 prazas por acción formativa. Os cursos terán lugar entre o 6 e 17 de xuño en Sanxenxo (Pazo Emilia Pardo Bazán), entre o 20 de xuño e o 1 de xullo en Cangas do Morrazo (Casa da Cultura), entre o 4 e 15 de xullo en Nigrán (Centro Antena) e do 18 ó 29 de xullo en Vilagarcía de Arousa (Centro de formación CEMIT).