O Concello de Vilaboa celebrará o martes o día das Letras Galegas con Camiños da Lingua", catro percorridos a pé, en bicicleta ou en piragua, con saídas do Porto de Acuña, o barrio de Larache, Bértola e o peirao de Santa Cristina. Tamén haberá unha comida campestre.

Esta actividade está organizada polo Concello coa colaboración de colectivos como o Náutico Cobres, Clube de Piragüismo de Vilaboa e o Clube de ciclismo Val do Ulló, as asociacións de veciños de Santa Cristina, de Postemirón e de Figueirido, as asociacións Cultural Cobres, Barqueiro, Pedra Miranda, Vbailaboa e Escola de Música de Vilaboa, e a comisión de festas de Paredes.