A finais de marzo de 1913, un grupo de mozos patrocinados polo Liceo-Casino tratan de organizar no mesmo un cadro de Declamación para o que reclaman o apoio do "bello sexo". Mais este proxecto non debeu de funcionar, quizáis o pudor e a moral marinense da época o impediron, pois non se volveu ter noticia. O que si sabemos é que o Liceo gostaba moito de acoller prestidixitadores e magos como Silvestre Redondo ou o famosísimo Carleopol e a sua dona Emma Arisis que percorrían Galicia en xaneiro do 1914. Esta mesma sociedade tamén adoitaba traer canzonetistas italianas ou acoller pequenas obras de teatro de compañías profesionais que se achegaban á vila no verán. E algúns actores tamén se afincaban na zona, como o señor José Hervés Hermo, que aparecería en Pontevedra como actor na compañía cómico-lírica de Emilio Bellver en 1902, ano en que no Circo-Teatro da capital actuaría a famosísima María Guerrero. Este exactor que en 1913 xa ocupaba a secretaría socialista da potente Unión de Trabajadores de las Fábricas de Conservas de la Ría de Vigo había distinguirse como dirixente e axitador da Federación Obreira da UGT e da Alianza Marinera nos cinco meses de folga e conflitos que en 1915 mantiveron en Marín os mariñeiros frente aos maquinistas dos barcos, apoiados estes polos patróns. E se uns viñan outros ían, pois nestas datas trunfaba en Madrid o dramaturgo galego Manuel Linares Rivas coa sua obra La fuerza del mal.

Desde o verán de 1914 xa temos noticias da existencia dun local estable en Marín denominado Salón - Teatro Veiga no que a empresa de cinematógrafo Palma (de Sánchez Palma) ofrece durante uns días de agosto, películas en partes como Quo vadis?, Los tres mosqueteros ou Los cien días de Napoleón. Mais, como non todo podía ser cine nestas datas, estas funcións completábanse con actuacións como a da cupletista "La Coralito" acompañada da pianista Clotilde Monroy. En novembro, esta pinista repetiría no mesmo local cunha Sinfonía no que tamén se representaría a comedia de Vital Aza, Las Codornices, un entremés dos irmáns Quintero e a zarzuela Los embusteros representada por mozos e mozas de Marín dirixidos pola señora Fernández Sánchez. No periodo de Nadal, o Liceo-Casino aproveitaría as festas e a xira da canzonetista italiana Amelita Grossi para ofrecerlle aos socios un variado de cancións napolitanas e españolas.

A finais de xaneiro do 1915, o Liceo tamén se apuntaría á difusión do cinematógrafo ofrecendo películas no seu local cun proxector "Imperator" do xa mencionado empresario Sánchez Palma. O tempo de Entroido tamén favorecía a exhibición parateatral através das representacións e cancións de comparsas locais como "Los apaches", "La chiringotea" ou "Los pollitos" e outras chegadas de Poio ou de Pontevedra como "Los Chistosos". Semella que estas comparsas locais non se distinguían moito pola cualidade das letras e da música agás a denominada "Los Humoristas" que polo alto nivel das suas composicións, mereceu actuar no Teatro Veiga nos intermedios de varias películas. Sobre estas celebracións entroideiras hai unha observación de interese que vén resaltar a mudanza no ritual festeiro da rua que apunta que agora se utilizan serpentinas e confeti cando non había moito que o predominante eran as bromas satíricas, as emborradelas e os xeringazos.

O Salón-Teatro Veiga continuaría ofrecendo sesións de cine e varietés e acollendo tamén os mitins que as sociedades obreiras e mariñeiras celebraban con motivo do 1º de maio e durante as folgas que se producirían polo conflito cos maquinistas. En agosto volve a zarzuela ao mesmo local acollendo El barbero de Sevilla, La reina mora e La bella lucerito entanto no salón de espectáculos do baixo do Liceo se ofertaban sesións do Cine X dos empresarios Alonso y Olañeta en tres funcións diarias. Con motivo de recadar fondos para o monumento a Rosalía de Castro en Santiago, o Salón Veiga tamén ofrecería neste mes un recital de poesía cos poetas Bautista Andrade e Rey Soto, contando asemade coa presenza do escritor Millán e do barítono Víctor C. Mercadillo

Nos anos seguintes sabemos que o Salón Veiga continuaría alternando o teatro co cine e que en 1917 presentaría os dramas dos irmáns Quintero, Los Romaní e La Pena. No 1918, este local vai apostar máis polo cine, facéndose cargo del a empresa Quiroga de Francisco Salazar e como tal continuaría ata os anos sesenta no que o sustituiría o cine Avenida. Contodo, o Cine Quiroga seguiría alternando a sua programación de cine coa teatral e o cinco de xuño de 1920 acollería a representación en galego da obra O Fidalgo de Jesús San Luis Romero da man do grupo "A Terriña" de Santiago que xa a ofrecera o día anterior en Cangas. Dous meses despois, o 2 de xullo, sería a Asociación Artística de Pontevedra quen ofrecese no mesmo local as obras Micaela de José Fernández Tafall e O Pote de Heliodoro Fdez. Gastañaduy, ambas tamén en galego.

Nesta liña de promoción do teatro en galego será o coro Foliadas e Cantigas de Pontevedra quen representen o 6 de agosto do 1922, as obras Un home de pau e ferro de Roxelio Riveiro e a popularísima O miñato e máis a pomba de Avelino Rodríguez Elías. No ano 1923, o 22 de abril, representaríase no mesmo local e polo mesmo grupo, a obra A dona do agrario de Antón Presa Viso e logo, o 17 de xuño, A Morriña do mesmo autor e polo mesmo grupo.

O ano 1924, xa baixo a Ditadura abriría na Estribela o Cinematógrafo Olmos propiedade de Vicente Olmos Muiños dedicado ao cine en exclusiva. En outubro deste ano volvería ao Salón Quiroga a Asociación Artística de Pontevedra para ofrecer o día 25, a obra Na casa do ciruxano de Roxelio Rivero e Telesforo Sestelo. Os días 8 e 15 de novembro, ante o éxito de público, a mesma compañía pontevedresa volvería para repetir nestas duas funcións A dona do agrario. Un ano despois, o 15 de novembro do 1925 sería o coro Foliadas e Cantigas de Pontevedra quen trouxese a Marín a obra Unha boa misa de Enrique Labarta Pose. A última obra da que temos constancia nestas datas sería o 14 de maio de 1927, ao ofrecer a Asociación Artística de Pontevedra, outra vez, a xa moi popular obra O miñato e mais a pomba de Avelino Rodríguez Elias.